Caldo de gloria e poemas en lembranza do nacemento de Rosalía de Castro hai 187 anos

Ames levou aos seus veciños a coñecer A Matanza, e realizaron ofrendas en Padrón e na Pobra

En Dodro engadirán poemas ás consumicións hostaleiras ata o vindeiro domingo

Caldo de Gloria na Matanza en presencia de Valentín García  e Anxo Angueira, ao fondo pola esquerda, e o alcalde, dereita

Caldo de Gloria na Matanza en presencia de Valentín García e Anxo Angueira, ao fondo pola esquerda, e o alcalde, dereita / Rocío Castro

Un 23 de febreiro de 1837 nacía na capital de Galicia Rosalía de Castro, poetisa da terra e un dos cumios mundiais do romanticismo que recuperou e dignificou o galego. E esta data foi elixida como efeméride do Día de Rosalía, cunha chea de actos e actividades repartidos pola comarca, e cun epicentro claro na Matanza, Padrón, a casa onde viviu, e que este venres acollía a celebración do caldo de gloria, elaborado por Suso do Dezaseis e Uxía, e coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Valentín García; o presidente da fundación, Anxo Angueira, e o alcalde, máis concerto de Faia.

Nesta vila, ademais, houbo unha ofrenda a pé do monumento do Espolón, con lectura de poemas, degustación de caldo e actuación de Carapaus. Pero houbo máis, tanto na comarca de Sar como na Maía, Xallas, Costa da Morte e o resto das comarcas do ámbito compostelán, nas que moitos municipios forman parte do mecenado da Fundación Rosalía.

Así, o Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado 17 de febreiro unha ruta por algúns dos lugares emblemáticos da vida e da obra de Rosalía de Castro con motivo da conmemoración do aniversario da autora, ao tempo que a hostalería e os comedores escolares acolleron as iniciativas Café con verso e Caldo de Gloria para homenaxear a Rosalía. Agora están a buscar unha nova data para a andaina conmemorativa por Mar de Ovellas, suspendida polo mal tempo.

En Ribeira houbo degustación de caldo nos bares Cocoluche, Recoveira, Castelao, Plaza, Esmorga, Golimbreo e Pedra Pateira, mentras que na Pobra o mandatario local rompeu lanza a prol do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, ademais da ofrenda cívica na Praza de Rosalía e da lectura de poemas nos colexios. No Concello de Malpica, e da man da Fundación Rosalía, ofertouse a degustacións de caldo nos bares O Cornecho de Tano, O Pescador e Ybarra; restaurantes Casa Antonio e San Francisco; e cafetería Santiago Apóstol.

Durante o horario dos viños da noite, houbo pasarrúas de gaiteiros percorrendo os locais colaboradores, e entre outras pezas, interpretaron a Alborada para Rosalía. Malpica tamén distribuíu polos establecementos salvamanteis co poema Miña casiña, meu lar, no que Rosalía recolle a receita.

ADOPTIVA. Xa dende a Biblioteca Municipal de Corcubión, quíxose lembrar a esta vate nos establecementos da vila para facer deles Recunchos de Rosalía. Desde este venres 23, e a través dun préstamo temporal do seu fondo de libros e coa complicidade dos comercios da vila, o Concello quere visibilizar desde a cotiandade un referente imprescindible da cultura galega que, ademais, é Filla Adoptiva de Corcubión desde o ano 2022, recoñecemento que se vai trasladar á Fundación Rosalía. Desde estes Recunchos anímase aos máis atrevidos a facer deles un lugar de improvisación para a lectura en voz alta ou para recitar a obra de Rosalía nos cafés, bares ou tendas.

E aos máis tímidos animáronse a gozar de algunhas páxinas co café. Do mesmo xeito, pero por iniciativa do Clube de Lectura que se reúne na biblioteca, decorouse este espazo salientando algúns dos versos e pensamento da poetisa. Alí, o CEIP Praia de Quenxe preparou un recital.

No Concello de Cabana de Bergantiños tamén puxeron en marcha actividades, como as dos integrantes de Son de Cabana, que elaboraron o caldo de gloria para ser degustado e, a continuación, tamén na Escola de Vela, levouse a cabo un acto de divulgación cultural no que se puxo de manifesto a importancia que tivo Rosalía de Castro como unha das grandes referencias do Rexurdimento en Galicia. As mulleres de Son de Cabana trasladaron os seus versos ao eido musical coa interpretación dun poema de Rosalía.

Pola súa banda, unha delegación da Asociación Íntegro efectuou unha lectura, mentres que representantes da xunta local da Asociación contra o Cancro e de Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro optaron por recitar algúns dos versos máis sobranceiros, como os de Eu cantar, cantar, cantei. E a escola municipal de teatro realizou unha interpretación na que se recrearon pasaxes da obra, sen esquecer a lectura dun poema que elaborou Matilde Vilariño.  

Dende Normalización Lingüística de Santa Comba crearon un concurso de poesía, e na Baña leron a obra de Rosalía e elaborouse o popular caldo, que degustou o alumnado do CPI de San Vicenzo, ademais de divulgar en redes sociais a receita.

En Dodro lembraron a Rosalía no Pazo de Lestrobe coa actuación musical de Narci Rodríguez e, ata o domingo, as consumicións nos locais de hostalería estarán acompañadas de versos da poetisa. E un ano máis, o caldo de gloria será tamén o protagonista, coa colaboración de Casa Buela, Casa Pancho, Xuncos, Caprichos, Trébol e Bar da Silva. No que atinxe a Rois, os establecementos hostaleiros repartiron unha tapa de balde de caldo de gloria, ao tempo que Camilo Seira restauraba o mural vexetal dedicado á escritora no edificio multiúsos e repartiron marcapáxinas, ademais de poñer en marcha un concurso en redes sociais e un photocall. Deste xeito, os clientes dos bares e restaurantes Campo de Golf, O Pemento, Rafa, A Lúa, Benjamín, Taberna de Angueira, A Casiña, Venezuela, Camiño do Mar e Fogar do Selmo degustaron o caldo con pan de millo da panadería San José. E as persoas usuarias do centro de día agasallaron á concelleira Mercedes Basante tamén con bolos do pote e cantáronlle un poema de Rosalía.