Unha conserveira de Outes quere levar a sardiña de Portosín a EEUU e Canadá

É un dos proxectos que financia o GALP no ‘litoral de Compostela’

Sete apartamentos turísticos inspirados nos refuxios de pescadores de Quilmas ou a conversión dun salgadoiro en restaurante, outras iniciativas xa en marcha

Obras de construción de sete apartamentos turísticos inspirados nos tradicionais refuxios de pesca do porto de Quilmas, en Carnota

Obras de construción de sete apartamentos turísticos inspirados nos tradicionais refuxios de pesca do porto de Quilmas, en Carnota / Cedida

Suso Souto

A empresa Provisión Produtos Pesqueiros S.L., de Outes, viu aprobada unha axuda do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa Sostible por un importe de 61.118€ para a implantación dunha nova liña de transformación e comercialización da sardiña que contribuirá a engadir valor a este peixe azul procedente principalmente da lonxa de Portosín (O Son).

Asúa finalidade é elaborar conservas e semiconservas baixo unha nova marca comercial, introducindo novas tecnoloxías que aporten valor engadido e realicen un uso eficiente dos recursos mediante avanzados equipos de procesado de alto rendemento e eficiencia enerxética. Os novos produtos a elaborar preténdense comercializar a nivel nacional e internacional (EEUU e Canadá).

Esta conserveira xa exporta sardiña de Portosín a países como Alemaña, Francia, Portugal e Grecia, e mesmo intentará introducirse no mercado mexicano, para o que tivo que inscribirse no rexistro Cexgan. Coa marca Sotavento, comercializa botes de sardiñas de Portosín picantes en aceite de oliva virxe extra, así como afumadas con serrín de faia e mesmo crema de sardiña.

Bote de sardiñas de Portosín picantes que comercializa a conserveira Provisión Produtos Pesqueiros S.L. de Outes

Bote de sardiñas de Portosín picantes que comercializa a conserveira Provisión Produtos Pesqueiros S.L. de Outes / Cedida

O custo total do seu novo proxecto ascende a 134.242€. Trátase dunda das doce iniciativas subvencionadas cun total de 680.000€ polo GALP Costa Sostible (ao que pertencen Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muros, Noia, Outes e O Son) na convocatoria de 2023, para o financiamento de proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo aprobadas pola Consellería do Mar aos GALP, cofinanciadas nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

Un salgadoiro transformado en restaurante

Outro dos proxectos aprobados é o de María Jesús Pita Martínez, propietaria dun antigo salgadoiro familiar situado na praia do Ézaro, en Dumbría, que se converterá no restaurante O Salgadoiro e se integrará no selo Km 0 Margalaica, que identifica os restaurantes oficiais da Ruta dos Faros nos que os menús son elaborados con produtos do mar propios de cada zona.

A Carta Km 0 MarGalaica, que conta con 17 establecementos acreditados, inclúe, ademais da oferta gastronómica de cada restaurante, información sobre o propio selo e sobre a súa implicación co territorio. Infórmase, por exemplo, do papel das mulleres no sector do mar, dos principais produtos das nosas lonxas ou das marcas de calidade do sector pesqueiro (Berberecho de Noia, Azul de Portosín ou Polbo de Lonxa). Esta iniciativa recibirá do GALP 177.542€ para unha actuación cuxo coste total é de 482.809€. María Jesús Pita agarda poder abrir o restaurante no verán e di que será un espazo para poñer en valor a antiga industria da salgadura, revalorizando as estruturas do vello salgadoiro, construído ao redor de 1809, e instalando paneis.

Obras de construción de sete apartamentos turísticos inspiradas nos tradicionais refuxios de pesca do porto de Quilmas, en Carnota

Obras de rehabilitación dun salgadoiro de Dumbría para convertelo en restaurante / Cedida

Mellora da trazabilidade

Asimesmo, Pescados e Mariscos Galego, de Carnota, recibirá 7.079€ para mellorar a trazabilidade dos produtos da cetaria e da depuradora, así como a atención ao cliente, xa que mediante o software realizarase a venda máis rápido e cunha mellor e maior información do produto.

Pola súa banda, a empresa Liñares e Lema S.L., que vén desenvolvendo actividades relacionadas co turismo de calidade dende hai 15 anos, recibirá do GALP unha axuda de 200.000€ para a construción dun establecemento hoteleiro que contará con sete apartamentos ecolóxicos inspirados nos tradicionais refuxios de pescadores existentes nas inmediacións do porto de Quilmas, en Carnota. Ademais do aloxamento, na parcela constrúense tamén un almacén e unha piscina que se climatizará e na que se instalarán diferentes postos de masaxe individual.

SOBRE OS PENEDOS. Trátase dunha intervención novidosa tanto polos materiais empregados (panel contralaminado CLT, madeiras naturais e corcho), como pola forma de adaptarse a unha parcela delicada, con grandes penedos e unha importante pendente hacia a costa, na que se encontra coas tradicionais casetas dos pescadores. O orzamento total desta actuación é de 568.501€. Os promotores agardan que o complexo esté listo no verán. Os apartamentos, de 40 m2, ubícanse fronte ao porto de Quilmas, o único porto natural da Costa da Morte (non ten dique de abrigo e é fenicio).

O Concello de Outes disporá de 55.631€ para a organización da II Feira Náutica do Freixo, que se celebrará do 28 ao 30 de xuño. O evento ten unha parte profesional, destinada principalmente a poñer en valor, dar visibilidade, promocionar e xerar negocio para profesionais e empresas relacionadas co sector; e outra divulgativa, orientada ao coñecemento e posta en valor da histórica tradición da actividade náutica e do patrimonio cultural mariñeiro centrado na carpintería de ribeira.

I Feira Náutica do Freixo, que vén de recibir apoio para celebrar a súa segunda edición

I Feira Náutica do Freixo, que vén de recibir apoio para celebrar a súa segunda edición / ECG

ACTIVIDADES INTERXERACIONAIS. A asociación de persoas con discapacidade da comarca de Muros (Adisbismur) recibirá 61.152 euros para o proxecto interxeracional de educación ambiental Pinea. O Concello de Corcubión verá financiado con 24.830 euros o programa Contos do Mar para a posta en valor do patrimonio cultural vinculado á actividade pesqueira a través da memoria das mulleres. E os outros cinco proxectos, financiados en tres anualidades (2023, 2024 e 2025) consisten na dixitalización das confrarías de Noia (que recibirá 26.985€), Portosín (18.437€), Corcubión, (15.627€), Lira (15.237€) e Fisterra (15.627€).

En total foron preto de cinco millóns de euros os mobilizados polos oito GALP galegos para poñer en marcha setenta actuacións que están a desenvolver actualmente concellos, asociacións, confrarías, empresas e emprendedores repartidos por toda a costa. Os oito grupos engloban a máis de catrocentas organizacións locais.