Unha alegación rexeitada retrasará a entrada en vigor do orzamento 2024 en Teo

Proxecto en Común sinala que o presuposto non consignaba o crédito necesario para o gasto en enerxía eléctrica dos bombeos, e faltan uns 185.000 €

A rexedora do PP sinala que existen cando menos dúas partidas que inclúen estes fondos, e lamenta o retraso que suporá no pago de facturas

Pleno extraordinario celebrado este xoves no concello de Teo

Pleno extraordinario celebrado este xoves no concello de Teo / Concello

O pleno extraordinario de urxencia celebrado esta mañá en Teo para debatir a alegación presentada por Proxecto en Común (PXCT) acordou rexeitar dita proposta, o cal provocou que se retrase a aprobación definitiva das contas municipais para este 2024, por 18,1 millóns de euros.

Así, a alegación presentada a última hora da tarde do martes, 27 de febreiro, recollía que nos orzamentos aprobados de forma inicial o pasado 31 de xaneiro non se consignaba o crédito necesario para o gasto en enerxía eléctrica dos bombeos. Ante isto, a alcaldesa explicou que visto o informe emitido pola Intervención municipal, dita reclamación debe ser admitida pero desestimada, xa que o crédito para o gasto de enerxía eléctrica dos bombeos si se consignou nos orzamentos.

De feito, Lucía Calvo de la Uz salientou que na partida 161/221.00 da área de augas están metidos 226.000 euros, unha partida que pertence á mesma bolsa de vinculación xurídica que a exposta por PXCT. Ademais, a rexedora subliñou que tamén está  consignado crédito para enerxía eléctrica na partida 165/221.00 por importe de 250.000 euros.

Pola súa banda, a concelleira María López (PXCT) lembrou que presentaeron a alegación en tempo e forma, dentro dos 15 días habilitados, e aludía a que "se están deixando de contar bombeos", diferenciando os de abastecemento dos de saneamento, e elevando a "185.000 euros" a cantidade que falta. Tamén negou que se incorporara a cifra a algunha desas dúas partidas mencionadas pola rexedora.

Para rematar, Calvo de la Uz informou ao resto da Corporación municipal que todo este orzamento -superior incluso ao consignado para estas partidas nos orzamentos previos de 2022- poderase ver ampliado coa xeración de créditos prevista co POS PLUS Complementario 2024, o cal -chegado o caso- se podería destinar tamén a gasto de enerxía eléctrica. De feito, a alcaldesa lembrou que no pasado ano se destinaron máis de 600.000 euros do POS Adicional 2023 a dito gasto, conseguindo así minorar a contía do recoñecemento extraxudicial de crédito que foi aprobado este mércores no pleno de febreiro con 17 votos a favor.

En calquera caso, tras o debate da alegación, que foi desestimada, quedaron aprobados os orzamentos municipais para o ano 2024, que se farán efectivos unha vez saian publicados no Boletín Oficial da Provincia. Porén, a alcaldesa lembrou que este feito retrasará aínda máis a posta en vigor destas contas, o que implicará un retraso no pago a proveedores e outros gastos.