Máis de 210 millóns para racionalizar a rede viaria da provincia da Coruña

A Deputación aproba un plan extratéxico pioneiro

Xestiona 2.060 quilómetros en 421 estradas que acollen cada día 400.000 vehículos

Plantexa cesións á Xunta e concellos

Sesión plenaria da Deputación da Coruña na que se aprobou o plan estratéxico

Sesión plenaria da Deputación da Coruña na que se aprobou o plan estratéxico / D. Coruña

J. M. Ramos

A Deputación da Coruña aprobou o primeiro Plan Estratéxico de Estradas “un instrumento pioneiro que está destinado a ser a folla de ruta sobre a que planificar, mellorar e modernizar a xestión da rede de estradas provincial, conformada por un total de 421 estradas con máis de 2.000 quilómetros de lonxitude e un tráfico de máis de 400.000 vehículos cada día”, segundo explicou o presidente, Valentín González Formoso.

Destacou que entre os principais obxectivos figuran incrementar a seguridade de vehículos e peóns, racionalizar a rede viaria provincial, mellorar a conservación e o nivel de servizo das vías, apoiar o desenvolvemento do rural, mellorar a infraestrutura para o transporte público e incorporar as novas tecnoloxías á xestión da rede.

O plan, cun marco temporal de cinco anos (2024-2029) e unha previsión orzamentaria de 210,5 millóns de euros, parte dunha “radiografía” da situación actual da rede provincial de estradas e establece seis eixos de acción, doce obxectivos estratéxicos e vinte e unha liñas de acción para a mellora na xestión.

Un dos obxectivos do plan é racionalizar a rede viaria provincial, xa que 239 estradas discorren por un só municipio e máis dun terzo das mesmas teñen unha lonxitude inferior a un quilómetro. A Deputación xestiona numerosos tramos de vías que na práctica funcionan como rúas nos centros urbanos, polo que son susceptibles de ser transferidas aos concellos, e outros que conectan vías autonómicas ou enlazan con outras provinciais, “polo que sería máis apropiada a súa transferencia á Administración autonómica”, subliñan dende o ente provincial.

Neste sentido, o plan contempla negociacións con Xunta e concellos para acordar as estradas susceptibles de transmisión mediante convenios, e reserva 18,5 millóns para as transferencias a concellos e 29,1 para traspasos á Xunta.

“A adecuación da rede de estradas a unha dimensión acorde cos fins provinciais permitirá concentrar o esforzo económico nas vías que máis o necesiten, adecuando a súa capacidade e trazado aos tráficos que soportan”, engaden. A racionalización suporá tamén unha mellora da conservación das estradas, na que a Deputación inviste actualmente máis de 11 millóns de euros anuais.

Outro dos obxectivos do plan é incrementar a seguridade das vías, incidindo en aqueles usuarios e usuarias máis vulnerables como peóns e ciclistas, seguidos de motoristas, turismos e vehículos pesados.

Esta mellora levarase a cabo con actuacións como a creación de itinerarios peonís seguros que se sumarán aos 380 quilómetros de beirarrúas e sendas peonís xa existentes; a ampliación e mellora do trazado das vías, adecuándoas aos niveis de tráfico real que rexistran; melloras no plan de conservación; e redución tamén nos tempos de tramitación e execución das obras.

Dixitalización e intelixencia artificial para tomar decisións

O Plan Estratéxico de Estradas incide tamén na necesidade de potenciar a transformación dixital coa implantación da metodoloxía BIM (Building Infomation Modelling) que emprega modelos dixitais tridimensionais que conteñen información detallada dos distintos aspectos dos proxectos, como os xeométricos, datos de materiais ou custes, logrando así unha xestión máis eficiente.

Asemade, coa finalidade de mellorar tanto a planificación como a xestión diaria das actuacións na rede provincial de estradas, proponse a implantación de sistemas de intelixencia artificial, Big Data, e xemelgo dixital, unha réplica virtual da estrada que combina datos en tempo real con modelos dixitais detallados.

Coa progresiva implantación destas tecnoloxías preténdese, por unha parte, diminuír os erros de deseño e coordinación das obras e, por outra, aumentar a cantidade de información dispoñible que posibilite unha toma de decisións máis acorde ao estado real e uso das estradas. O investimento previsto no apartado de transformación dixital é de 1,1 millóns de euros.

Pola súa banda, o capítulo de conservación de estradas é o que conta coa maior previsión orzamentaria (70,6 millóns de euros), seguido dos novos investimentos (47,1), mellora de firmes (15) e sendas peonís (11,1 millóns).

O plan incide tamén na importancia dunha política axeitada de investimentos nas vías dos municipios rurais, así como contribuír a mellorar as condicións de uso do transporte público, que non é unha competencia provincial, mediante melloras de trazados e firmes ou adecuación de marquesiñas e paradas de bus.

Polo que respecta á seguridade da rede viaria de titularidade provincial, os datos da sinistralidade que manexa a Deputación da Coruña confirman un descenso dun 8% no número de accidentes e dun 5,8% no total de vítimas (mortos e feridos graves e leves).