Ames e a Real Academia seguirán a mergullar a comunidade educativa no galego ata 2026

Así o asinaron o rexedor e o presidente da RAG dándolle continuidade á iniciativa posta en marcha para 3.000 alumnos

Buscan que a experiencia chegue tamén á mocidade da ESO, ás actividades extraescolares e de lecer, tempo libre e á conciliación

Carmen Porto, pola esquerda, co rexedor Blas García e Víctor F. Freixanes na sinatura

Carmen Porto, pola esquerda, co rexedor Blas García e Víctor F. Freixanes na sinatura / Concello

Se a colaboración entre o Concello de Ames e a Real Academia da Lingua logrou que 3.000 alumnos maiáns de Infantil e Primaria falaran galego durante tres semanas, a experiencia vén de propiciar a rúbrica dun convenio entre o rexedor Blas García e o presidente da RAG, Victor F. Freixanes, para darlle continuidade ata o 2026 a ese proxecto, bautizado como Modo galego, actívao!. Ademais, esténdese o seu ámbito de promoción do galego ata os primeiros niveis da ESO.

Deste xeito, o Seminario de Sociolingüística da Academia comprométese neste documento a planificar e detallar as liñas xerais da acción de acordo cos diagnósticos previos; seguir asesorando as persoas ao cargo da organización de distintas actividades orientadas ao público máis novo e achegar propostas de actividades complementarias, de formación ou dinamización lingüística; e colaborar cos centros educativos de Infantil e Primaria na actualización dos proxectos lingüísticos, entre outras medidas con horizonte de execución ata o curso 2025-26.

Colaboración

“A colaboración que a RAG mantén co Concello amesán constitúe unha experiencia de enorme interese no plano da análise científica dende a realización do Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021). Pero a súa maior singularidade radica en que, partindo dese coñecemento xerado, se están a deseñar e poñer en práctica por primeira vez medidas que implican todos os axentes vinculados na educación dos nenos e nenas dun xeito global”.

Lembra o presidente da Academia que “cada vez son máis relevantes no comportamento lingüístico espazos de socialización que van alén da rutina diaria nos centros educativos e da propia contorna familiar. E por iso Modo galego, actívao! traballa tamén sobre as actividades extraescolares e de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local, contextos todos eles que deben ser tidos en conta nos diagnósticos e no deseño de propostas que contribúan a frear e a reverter a fenda na transmisión xeracional do galego que tanto nos preocupa”.

Proxecto piloto

“Despois dun moi positivo proxecto piloto, entendemos que é necesario un compromiso maior. Durante os vindeiros tres cursos o programa Modo galego, actívao! está garantido nas escolas de Ames, pois as rapazas e os rapaces son o futuro do galego, e é con elas e con eles cos que debemos traballar na conservación do idioma. O Concello de Ames estará sempre á vangarda na defensa do galego”, valora na mesma liña o alcalde Blas García Piñeiro. Con este convenio dáse así “un paso máis para estabilizar o proxecto”, engade a técnica de Normalización Lingüística do municipio, Rosa Moreiras, que avanza ademais a intención de estender nos vindeiros cursos estas experiencia máis alá das aulas de Infantil e Primaria, ata chegar tamén aos primeiros niveis da ESO. A concelleira de Educación, Carmen Porto, tamén presente na sinatura do convenio, salienta que pon a súa concellería á disposición para todo o que requira este acordo “co obxectivo de que esta colaboración sexa o máis frutífera posible”.

O Seminario de Sociolingüística presentará proximamente os principais resultados da avaliación da experiencia piloto de Modo galego, actívao! e determinará as posibles melloras para posteriores execucións. Entre outras iniciativas, o pasado curso académico preto de 3.000 nenos e nenas amesáns participaron nunha experiencia de inmersión lingüística de tres semanas que por primeira vez se aplicou en todos os colexios dun mesmo municipio a un tempo, contando tamén co conxunto das actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local. O programa incluíu estratexias para promover o compromiso lingüístico non só entre o alumnado, profesorado e demais persoal educativo, senón tamén das familias e do monitorado dos servizos complementarios.