As actrices María Vázquez e Marta Hazas arrouparán en Brión o Festival de Cine Galego Otremo

Proxectaranse ‘Honeymoon’, ‘¡Salta!’ e ‘Amigos hasta la muerte’ // Participarán tamén os realizadores Enrique Otero e Javier Veiga 

Pola esquerda, Xacobe Sineiro, Pablo Lago, Ramón Cordido e Alberto Álvarez, na presentación

Pola esquerda, Xacobe Sineiro, Pablo Lago, Ramón Cordido e Alberto Álvarez, na presentación / Cedida

Suso Souto

O auditorio do centro social polivalente de Brión acollerá, do 12 ao 14 de abril, a segunda edición do Festival de Cine Galego Otremo, organizado polo Concello e Aldea Producións. A iniciativa foi presentada polo alcalde, Pablo Lago Sanmartín; os responsables de Aldea Producións, Ramón Cordido e Xacobe Sineiro; e o técnico municipal de Cultura, Alberto Álvarez.

Os tres filmes escollidos para esta ocasión son todos do ano 2023: Honeymoon, de Enrique Otero; Amigos hasta la muerte, de Javier Veiga; e ¡Salta!, de Olga Osorio, dos que se darán dous pases. A entrada será de balde, se ben para asistir será necesario realizar reserva previa na Billeteira Municipal da web do Concello (billeteira.concellodebrion.gal) ou chamar ao número 649 808 903.

Pablo Lago destaca “a boa acollida que tivo a primeira edición do festival, polo que agardamos que esta segunda edición serva para poñer en valor o presente do audiovisual galego e achegalo de forma gratuíta aos veciños e veciñas de Brión”.

Ademais, salienta as presentacións e charlas-coloquio, nas que xa está confirmada a participación das actrices María Vázquez e Marta Hazas e os realizadores Enrique Otero e Javier Veiga.

Honeymoon é o título que abrirá o certame o venres 12. Ás 20.00 horas terá lugar o recibimento do público e das persoas convidadas, con música en directo e un photocall. Ás 21.00 terá lugar unha presentación previa á proxección da película, que rematará cun coloquio no que participarán a actriz María Vázquez e o realizador Enrique Otero. O acto rematará ás 23.00 horas cuns petiscos e música en directo. Tamén hai a posibilidade de ver unicamente o filme o sábado 13, ás 17.00 horas.

O sábado 13 proxectarase Amigos hasta la muerte, co mesmo horario, pero coa participación da actriz Marta Hazas e do actor e realizador Javier Veiga. A película repetirase o domingo 14, ás 12.00 horas.

Finalmente, o domingo 14, a partir das 16.30 horas, terá lugar a proxección de ¡Salta!, unha película de Olga Osorio protagonizada por Tamar Novas, Marta Nieto, Mario Santos, Rubén Fulhencio e Mabel Rivera. De momento a organización ten pendente de confirmar quenes participarán no coloquio das 17.00 horas; ás sete da tarde terá lugar o segundo pase da película.