Entrevista | Roberto Rey Alcalde de Frades

“Hai que estar sempre pedindo polo Concello: o que non chora, non mama”

Rexedor dende o ano 2012 polo PP, se hai algo que lle quita o sono é a falta de médicos estables no centro de saúde

Entre as súas prioridades, están os servizos de conciliación e o coidado dos maiores

Asegura que no municipio hai traballo abondo tanto nas explotacións gandeiras, motor económico da localidade, como en pequenas empresas que non atopan man de obra

Roberto Rey, alcalde de Frades, nas instalacións de EL CORREO GALLEGO, en Santiago

Roberto Rey, alcalde de Frades, nas instalacións de EL CORREO GALLEGO, en Santiago / Jesús Prieto

Entrevista a Roberto Rey, Alcalde de Frades.

Roberto Rey, Alcalde de Frades / Jesús Prieto

É difícil ser alcalde dun concello pequeno como Frades?

Para min, é un gusto ser o alcalde do meu concello. Cando as cousas saen ben, é moi agradecido. Pero, como calquera concello pequeno, dependemos da Xunta, da Deputación, do Estado... e non sempre saen as cousas como queremos.

Teno entón máis doado o alcalde dunha cidade grande, como, poñamos por caso Abel Caballero?

Un alcalde dun concello pequeno ten que estar no día a día das cousas, pendente de todo: das obras, as fochancas, das subvencións.... Tes o concello metido na cabeza. E hai que estar sempre pedindo polo concello, moitas veces pelexando con alcaldes amigos dos concellos do lado. E por riba, temos que asumir competencias que non son nosas. Pero os alcaldes estamos por gusto, non porque alguén nos obrigue.

E agora mesmo que é o que máis lle preocupa?

A sanidade, porque dende a pandemia temos problemas graves. Temos un centro de saúde e un consultorio que abre tres días á semana. Pero unha das facultativas pasa seis meses ao ano no Exército e a súa vacante non se estaba cubrindo. Chegamos a un acordo coa Xerencia da Área Sanitaria para que na súa ausencia fora substituída dous días por semana por unha médica do PAC de Ordes e estamos intentando que iso se cumpra, pero non é doado. Esta semana marchou a médica, a outra está pedindo días, están mandando un médico catro horas e xa lle dixen á xerente: “isto non pode ser”.

Pero, nesta cuestión, ata que punto pode presionar un alcalde?

Mira, din que non hai médicos. Eu non sei. Eu vexo que en concellos grandes onde hai oito médicos e faltan catro, cúbrense. Nós non hai semana que non teñamos que chamar á Xerencia.

Terán que pedir unha reunión co novo conselleiro de Sanidade...

Eu creo que é necesario facer algúns cambios. Hai concellos que teñen os médicos establecidos, pero noutros, onde os médicos viñeron novos, non damos arrancado.

Non lle preocupa tamén que perdan poboación ano a ano?

Si, claro que me preocupa. Nós temos núcleos próximos, Sigüeiro, Ordes, Arca..., aos que marchou vivir moita xente. Temos Santiago a 20 minutos, A Coruña a 30. Estamos ben situados para vivir, pero tamén para que xente que traballa en Frades, por exemplo nas explotacións gandeiras, vaian vivir a outros sitios, porque é máis barato mercar un piso noutro lugar que facer unha casa en Frades. Se nós tiveramos máis vivenda, máis xente viría, porque continuamente nos pregunta xente se hai vivenda de alugueiro.

Hai moitas vivendas abandonadas, como sostén o BNG?

Abandonadas non están. Os donos ou teñen problemas de herdanzas, ou quérenas vender pero piden un prezo moi alto, ou non se queren arriesgar a poñelas en alugueiro, ou viven noutro sitio e veñen cando lles apetece. Pero hoxe en día facer unha casa é complicado. No confinamento si que gañamos poboación.

Pisos de alugueiro non teñen, pero traballo non debera faltar, con tantas explotacións gandeiras...

Hai moita falta de traballadores. As explotacións gandeiras están ao límite. Non atopan man de obra.

Tampouco entre a poboación inmigrante?

Entre os inmigrantes, si. Está vindo moitos latinoamericanos, sobre todo de Perú, Ecuador e Colombia. Pero non é un problema exclusivo das explotacións. Tampouco pequenas empresas de albanelería ou electricidade atopan traballadores.

Outra receita para gañar poboación pasa por ter servizos de conciliación para as familias, non?

Somos o concello galego que ten máis casas niño. Temos tres e as prazas están totalmente cubertas. E ofrecemos actividades culturales e deportivas e todos os servizos de conciliación que podemos. Intentamos ter os mesmos servizos que unha localidade máis grande como Ordes.

Pero a realidade é que teñen máis persoas maiores ca nenos...

Si, e estamos distinguidos pola Deputación como un dos mellores concellos en servizos sociais da provincia. Además de axuda no fogar e para dependencia, temos servizos gratuitos de podoloxía, de fisioterapia, perruquería a domicilio para dependentes, estimulación cognitiva, bono taxi para levar a xente ao centro de saúde, axudas para audífonos, para eliminar barreiras arquitectónicas, para o préstamo de cadeiras de rodas... Todo iso é prioritario.

“Estamos distinguidos pola Deputación como un dos mellores concellos en servizos sociais da provincia”

Falando de servizos, como de necesario é mancomunalos?

É a vía. Eu aposto por compartir servizos e non polas fusións.

Está satisfeito co funcionamento da Mancomunidade de Ordes?

É unha das que mellor funciona en Galicia e, de feito, xa recibiu varios premios, en atención temperá e no Centro de Información á Muller. Temos moitos servizos: orientación laboral, normalización lingüística, atención á drogodependencia...

Con alcaldes de distintos partidos que chegan a acordos...

Si, agora somos cinco alcaldes do PP e dous do PSOE. E entre nós procuramos axudarnos. Moitas veces dicimos: “se noutros sitios tivesen o entendemento que temos aquí, seguramente o país funcionaría moito mellor”. Chegamos a moitos acordos por unanimidade

Aínda que ao final teñan que competir pola atención da Xunta e a Deputación...

Para todos non hai, pero o que non chora non mama. Pasa cos veciños cando lle piden algo ao alcalde.

Cando conclúa o mandato, que lle gustaría ver rematado?

Sobre todo, a ampliación da potabilizadora, que queremos tramitar coa Xunta, porque no verán temos moitos problemas de auga.

Suscríbete para seguir leyendo