"Os concellos non temos que ter cartos no banco, senón gastalos nos veciños"

Carlos Martínez, alcalde de Vedra, en la redacción de EL CORREO GALLEGO

Carlos Martínez, alcalde de Vedra, en la redacción de EL CORREO GALLEGO / Javier Rosende Novo

Carlos Martínez Carrillo afronta o seu cuarto mandato como alcalde de Vedra coa obsesión de facer cadrar os números para poder manter todos os servizos que presta o Concello. Un reto que non é menor e que se suma ao de conseguir que o municipio non perda poboación. Mobilizar vivendas que agora están baleiras pode ser, afirma o rexedor, unha maneira de ganar habitantes.

Como se leva iso de ser alcalde por cuarto mandato?

Sempre intentas facelo o mellor posible, pero non sempre se pode. E canto máis gobernas, más inimigos tes. Que volvas ter un nivel de apoio tan grande é gratificante.

Pero vostede xa dixera que quería deixalo. Por que non o fixo?

Sempre dixen que tres mandatos eran máis que suficientes, pero o último, coa pandemia, foi moi estraño para todos. E quedaron moitos asuntos pendentes de rematar. Non era así como quería marchar e moitos veciños me pediron que seguira adiante. Falei coa familia e tomei a decisión de seguir. O que si aprendín é que non podo dicir que vai ser da miña vida no 2027. Xa se verá...

E non cansa iso de non ter horario? Pódese ser alcalde de 8 a 3?

Non hai horario nin calendario. Se un alcalde é votado maioritariamente unha e outra vez é porque lle dedica moitas horas ao concello e, con acertos ou erros, está sempre a disposición da veciñanza. Esa vocación de servizo público cómelle moito tempo a outras partes da túa vida. Pero quen pretenda ser alcalde de 8 a 3 sabe que non gañará as seguintes eleccións.

"Para ser alcalde non hai horario nin calendario. Quen pretenda ser alcalde de 8 a 3 sabe que non gañará as seguintes eleccións"

Cal é o maior problema dun concello rural como Vedra?

Nós sempre quixemos poñer as persoas diante das obras, pero levar os servizos á veciñanza coa dispersión e a orografía que temos, e co custo que teñen, é moi complexo. Creo que a maior preocupación que temos os concellos rurais de Galicia é como manter eses servizos a nivel financeiro. Por exemplo, a axuda a domicilio, que é un dos servizos máis demandados, pero tamén un dos más custosos. Temos comprobado que a xente prefire pagar algo máis de taxas sempre que manteñas o servizo. Pero ese equilibrio é cada vez máis difícil para os concellos rurais.

E en que situación están as arcas municipais?

A situación é complicada. Arrastramos dende hai anos un remanente negativo de Tesourería, que estamos intentando solventar e que hoxe en día está en -400.000 euros. Esperamos que ao longo do mandato poidamos deixalo practicamente a cero. A pesar diso, estamos sendo quen de manter todos os servizos. E por que chegamos a esta situación? Porque temos moitos servizos que non se prestan noutros concellos e que nos levan a ter que facer un auténtico encaixe de bolillos para poder mantelos: servizo de madrugadores e ludoteca todo o ano, no SAF pasamos de 1.000 a 38.000 horas... Somos dos concellos rurais que máis horas por habitante ten de SAF e iso supón un custo brutal. Temos acordos para atender familias con enfermos de Alzheimer, rapaces con necesidades especiais...

“Somos un dos concellos que máis horas por habitante ten de Servizo de Axuda no Fogar e iso supón un custo brutal”

Teñen tamén un movemento asociativo moi potente...

Así é. E somos o concello da comarca que máis cartos por habitante destina a apoiar as asociacións, porque entendemos que prestan un servizo que demanda a sociedade. Intentamos facer maxia para chegar a todo. Os concellos non temos que ter cartos no banco, tampouco temos que ter débedas, pero temos que gastar os cartos nos veciños, utilizalos en beneficio da sociedade.

Canto de esixente vai ser Vedra co Goberno da Xunta?

Temos que defender os veciños ante todas as administracións, sexan da cor política que sexan. Pero facémolo con datos, con lealdade institucional, con educación e de forma razoada e razoable.

Outra das espadas de Damocles que pende sobre Vedra ten que ver coa poboación. Andan sempre roldando os 5.000 habitantes. Baixar desa cifra supón perder recursos. En que situación están?

Oficialmente estamos en 5.019 habitantes. Extraoficialmente sabemos que cando se dean as cifras de 2024 estaremos por debaixo de 5.000. É algo que sucede en todos os concellos de Galicia, agás Ames. Baixar dos 5.000 supón deixar de ingresar 120.000 euros das arcas do Estado. Pero curiosamente dende comezos de ano estamos recuperando poboación e seguiremos pelexando por volver aos 5.000.

Como se pode conseguir?

Con medidas como a que temos en marcha para intentar mobilizar unha cantidade importante de vivendas que están baleiras. Hai unhas cen vivendas nas que se podería entrar a vivir con poucos arranxos. E hai demanda. Pero temos que convencer a veciñanza para que as poñan en venda o en alugueiro. Porque están chegando familias que mercan, constrúen ou alugan vivenda en Vedra e quedan alí a vivir.

En que quedou aquela demanda de instalar un intercambiador na zona da Susana para conectar co bus urbano de Santiago?

No seu momento fixemos un traballo conxunto con Teo e logramos que o transporte metropolitano mellorara un 300% en frecuencias e liñas. Pero nós seguimos reivindicando ese intercambiador na Susana porque é algo que a xente xa fai de facto, deixar o coche na Susana e coller o bus urbano. Sería moi positivo para a mobilidade na zona sur da comarca que Santiago aumentara as frecuencias.

"As cousas malas tamén hai que dicilas. E temos moitas pistas en mal estado que necesitan ser arranxadas"

Estamos falando sobre todo de servizos e nada de obras...

O feito de prestar tantos servizos fai que non haxa cartos para todo, pero un dos compromisos que adquirimos neste mandato é priorizar a reparación de moitas das pistas municipais que están deterioradas. As cousas malas tamén hai que dicilas. E temos moitas pistas en mal estado que necesitan ser arranxadas.

Suscríbete para seguir leyendo