Entrega da edición do poemario 'Palabras mortas' a Fernández Dávila como gañador do premio Ardeiro en Negreira

Acudiron o rexedor e o director xeral de Cultura, ademais de amigos do poeta nicrariense falecido

Os interesados poderán remitir traballos para a convocatoria 2024 dende xullo ata decembro

Anxo M. Lorenzo, terceiro pola esquerda, co alcalde, cuarto, e o gañador, Fernández Davila, quinto, na entrega

Anxo M. Lorenzo, terceiro pola esquerda, co alcalde, cuarto, e o gañador, Fernández Davila, quinto, na entrega / Concello

O Concello de Negreira, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través de Cultura de Galicia, recoñeceu no salón de plenos a Francisco Fernández Davila coma gañador do XII Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro en presencia do rexedor Ángel Leis e do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Tamén estiveron na entrega e presentación da edición da obra gañadora, o poemario Palabras mortas, as concelleiras, Teresa Duro Leis e María del Mar García Vidal, ademais do presidente do xurado, José Antonio Ponte Far; o poeta e editor, Xulio López Valcárcel, en representación de Medulia Editorial, así como a viúva e un dos fillos de Xosé M. López Ardeiro, e amigos do finado vate, como Xosé Amancio Liñares Giraut, entre outros.

No transcurso do acto informouse, do mesmo xeito, da convocatoria da XIII edición do Certame de poesía Ardeiro, cuxo prazo de presentación de poemarios estará aberto desde xullo a decembro de 2024. Poderán participar obras poéticas escritas en lingua galega, orixinais e inéditas, cunha extensión de entre 350 e 700 versos como máximo. A convocatoria publicarase na web www.concellodenegreira.gal.