Abre en Carnota o primeiro museo galego totalmente automatizado

Accédese a través dun código QR

Ubícase nunha antiga caseta de pescadores

Ten como anfitrión virtual ao actor Miguel de Lira

Fachada da Caseta de Pepe do Cuco, en Portocubelo, Lira

Fachada da Caseta de Pepe do Cuco, en Portocubelo, Lira / Cedida

Suso Souto

Carnota celebra este ano o Día Internacional dos Museos inaugurando A Caseta de Pepe do Cuco, “o primeiro museo mariñeiro totalmente automatizado de Galicia”, según a empresa encargada da súa creación (Ménsula) e o Concello. A instalación abrirá as súas portas 24 horas seguidas en Lira este sábado 18. Trátase dunha antiga caseta de pescador que foi reformada para ofrecer unha experiencia diferente e atractiva para as persoas que a visiten, que poderán acceder á instalación durante as 24 horas do sábado usando como chave os seus móbiles e un código QR.

O alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, explica que este museo “é un exemplo do uso da tecnoloxía para facilitar o acceso á cultura das persoas e mellorar a calidade de vida no medio rural. Trátase dun museo que, cuns custes mínimos de mantemento, pon o noso patrimonio histórico e cultural a disposición dos veciños de Carnota e de todas as persoas que desexen coñecelo. Unha instalación que se pode manter aberta ao público todos os días do ano, en calquera horario”.

O sistema de automatización da Caseta de Pepe do Cuco leva en fase de probas dende abril e afrontará un novo test este sábado, no que estará operativo 24 horas seguidas. Así, o público que se achegue á aldea de Portocubelo (Lira) poderá acceder a través dun código QR exposto no exterior da caseta, que o dirixe a un formulario de acceso no que solicita a apertura automática da porta.

Unha vez dentro, a través da combinación de auténticas pezas orixinais con vídeos e xogos de luces, o propio museo irá amosando ao visitante como evolucionou a vida en Lira dende que Pepe do Cuco construíu esta caseta alá polos anos corenta do século pasado.

Ademais, o museo ten a particularidade de que son os propios veciños e veciñas de Lira os que contan a súa historia. Uns exemplos de tradición oral que son fiados polo presentador e anfitrión virtual do museo: Miguel Domingo García Martínez, coñecido artisticamente como Miguel de Lira. Este actor de cine, teatro e televisión, especialmente popular polo seu papel do percebeiro furtivo Evaristo Currás na serie Mareas vivas da TVG, guiará o percorrido do visitante polas distintas áreas da Caseta de Pepe do Cuco. 

A visita ten unha duración aproximada de trinta minutos. Ao finalizar, a través do alumeado e o son, o propio sistema guía ao visitante para que abandone as instalacións e agradécelle a súa estancia.

Por outra banda, a seguridade das persoas está garantida por un sistema de alarma, un circuíto pechado de cámaras, sistemas de detección e aviso automatizado de incidencias e teléfonos de asistencia ao visitante, segundo explica o Concello.

TEMAS