Picheleiro de adopción, pero coa localidade na que naceu sempre presente, ata no seu nome artístico, Miguel Domingo García Martínez [Lira, 1964], máis coñecido como Miguel de Lira –Chispi para algúns–, é unha das caras máis coñecidas do audiovisual galego. Un actor que se fixo un nome con históricas tramas coma Mareas Vivas, Entre bateas ou A esmorga, e que non para de traballar. Hoxe mesmo regresa á gran pantalla coa estrea de +Cuñados, secuela do seu último filme (Cuñados), unha comedia creada pola produtora Portocabo, dirixida por Luis Avilés e ambientada no Entroido de Ourense que protagoniza xunto a Xosé Antonio Touriñán e Federico Pérez.

Nova aventura dos cuñados despois do gran éxito que tivo a primeira entrega. Esperábao?

Se digo que non mo esperaba estaría mentindo, sobre todo polo equipo que traballou nesa historia en medio da pandemia do coronavirus e a ilusión que tíñamos de que Cuñados abrirá unha nova etapa postpandemia que achegase á xente aos cinemas. Conseguiuse. Ese foi o gran logro de Cuñados e agora volvemos con máis ganas, con +Cuñados.

Volvedes á carga, esta vez baixo a dirección de Luis Avilés. Cómo foi traballar con él?

Foi estupendo, ao igual que na primeira entrega facelo con Toño López. Notouse moito as ganas, a ilusión e o seu entusiasmo no proxecto, e iso quedou reflexado no filme.

Unha nova entrega na que os cuñados, co seu humor característico, non metedes a pata no voso negocio nesta ocasión, pero si metedes o polvo nas potas do posto que montades no entroido de Ourense. É unha curiosa forma de branquear o botín obtido en Cuñados e, dito sea de paso, de achegar á gran pantalla unha festa tan recoñecida na nosa comunidade.

O entroido de Ourense é case o gran protagonista da película. Non podería haber mellor acompañante como telón de fondo do filme, porque permite unha sorte de disfraz. Os tres cuñados tentamos disfrazar a situación na que estamos metidos, canto menos fraudulenta, logo de conseguir de xeito irregular uns cartos que non nos pertencían e os branqueamos, curiosamente, conxelando literalmente o capital, non buscamos facer máis cartos. O problema é que os propietarios orixinais do botín seguennos a pista e volven así os problemas á familia Ribeiro.

Miguel de Lira (centro) disfrazado xunto a Xosé Antonio Touriñán (esquerda) e Federico Pérez (dereita) en '+Cuñados' Cedida

Tamén nos atopamos ante unha clara aposta polo humor galego. O noso humor ten cabida fóra de Galicia?

A primeira entrega de Cuñados foi un claro exemplo de que ten cabida fóra. Eu tamén o comprobei estando de xira coa compañía teatral Chévere. Os momentos de humor dos nosos espectáculos funcionaban tan ben tanto en Sevilla, en Barcelona e Logroño como en Carballo, Ribadavia ou Santiago. Non é que o humor galego non teña cabida fóra, si que a ten cando o humor galego é fino, e ten que selo.

Falando de teatro e da compañía teatral compostelá Chévere. Non lle foi mal nesta disciplina artística, Premio Nacional no 2014.

Si. A miña parte teatral está vinculada case en exclusiva ao universo Chévere. É unha compañía independente que ten unha traxectoria brutal, que sempre fai cousas moi atractivas. O Premio Nacional abriunos moitas portas dentro do mundo do teatro profesional, pero non só me gusta facer teatro por profesión, tamén por afección, para probar cousas novas e contaxiar esa paixón aos meus próximos, por iso me implico en aventuras como o Festórreo de Lira, que probablemente se volva facer este ano, aínda que tentando renovar o equipo e as ideas.

Mira que aí hai canteira...

Si. A pesar de que é unha estrutura teatral afeccionada que se monta a golpe de vento como quen di, é unha forma de desfrutar e facer canteira.

Hai canteira en Lira pero, e en Galicia? Cada vez estamos a ver máis actores galegos en grandes proxectos?

Os actores galegos estamos presentes en todas as categorías do acting español, incluso fóra das nosas fronteiras. Xa hai uns cantos nomes que se poden sacar en primeira liña. Eu estou máis cómodo nunha segunda fila, desde unha posición máis discreta, porque me permite ter máis tempo para tomarme un respiro. A canteira do audiovisial galego é de primeira liña, non só en canto a actores, senón en calquera dos cadros técnicos que poida ter unha produción, desde aspectos, precisamente, de produción ata aspectos de dirección ou técnicos. Hai moi bos directores de fotografía, en guión empeza a haber un campo moi esperanzador e, como consecuencia disto, os actores temos máis transcendencia ao ser as caras visibles. O talento é como unha horta, non nace dun día para outro, hai que traballalo e, en Galicia, fíxose un enorme esforzo desde hai moitos anos que agora está a recoller os froitos.

Está a axudar ao audiovisual galego a irrupción das plataformas de streaming?

Por suposto! Abriron o mercado. A nivel de contidos, todas as plataformas precisan de películas e series e están bastante activas á hora de contratar produtos con produtoras galegas, que hai media ducia delas na nosa comunidade moi fortes, e iso xera moito traballo. Tamén hai que decir que a irrupción das plataformas de streaming ten os seus pros e contras, sobre todo no mundo do cine, porque as plataformas son moi celosas de si mesmas e moi ambiciosas co que elas queren, e o que queren é que todo o mundo estea vendo as cousas na súa plataforma de pago e pérdese o ir a ver as películas aos cinemas. Tampocou creo que, aínda que sexan competencia directa, as plataformas acaben matando as salas. Despois están os canles de televisión xeneralistas, quenes tamén teñen a súa liña de contratación, e as canles autonómicas como a Televisión de Galicia (TVG). Eu vivín de cheo, a finais do S. XX e principios do S. XXI, unha TVG entusiasta que apostaba enormemente pola ficción galega como un sector estratéxico, unha ficción que xerou moito orgullo e que tivo moito éxito, e a TVG ten que manter ese pulso de pelexar pola ficción en galego para competir coas plataformas de streaming.

Recordaba os seus inicios en series da TVG, series como Mareas Vivas, que lle permitiu saltar á fama co seu papel de Currás, un dos máis queridos do público. Aquel personaxe foi unha bendición ou un caramelo envenenado?

Foi toda unha bendición. Non estaba previsto semellante éxito daquela serie e daquel personaxe. É máis, había uns informes internos, que desapareceron, que vaticinaban que Mareas Vivas non tería éxito, que ía ser unha serie que pasaría sen pena nin gloria por arriscar moito coa fala, ca gheada e co seseo. De feito, cando gravabamos a segunda temporada, pensabamos que ía a ser a última, e iso que a primeira todavía non se emtira. Ao final foron oito. Foi un fenómeno social en Galicia. Todos os que participamos na serie saímos moi reforzados.

Sempre soñou con ser actor?

Nunca pensei en ser actor ata que de repente o fun (rí). Na universidade, estudando dereito, carreira que terminei deixando, tiven a posibilidade de probar a facer teatro e foi nese momento cando decidín ser actor, e non só actor, tamén productor e, ás veces, editor e creador. Ao fundar a compañía teatral Chévere facía un pouco de todo. Metínme neste mundo nos anos 80 e tocando o pau teatral descubrín que ahí había un campo enorme do que me namorei.

Un campo no que, últimamente, non para. Protagonista en Cuñados, participou nas grabacións de Clanes, serie que Netflix quere sacar á luz este ano, esta semana tamén se atopa traballando en Portugal... Aínda así puido aproveitar uns días para facer a Ruta 61, a ruta do blues de EEUU, e, tamén, desfrutar un tempo da súa querida Lira. Serviulle para desconectar?

Non todo nesta vida é traballar. Nesta vida é máis importante a vida que o traballo. Gústame ter tempo para ir a Lira uns días. Agora é o tempo da primavera, é o tempo de prantar. Encántame ter unha hortiña en Lira e preparar a terra para prantar a horta, ese deporte que eu lle chamo saching sírveme para pensar nos guións que teño que facer, relaxarme e, de paso, sudar e facer callo e, como vitalista e viaxeiro, tamén facer viaxes largos. A Ruta 61, desde Nashville ata Nova Orleans, é moi enriquecedora musicalmente. É onde naceu o Rock and roll, onde conflúe o Rhythm and blues... Tes a sensación de viaxar por un mapa que deu moito á humaninade. Ademais tiven a oportunidade de vivir a Semana Santa en Nova Orleans. Alí celebrase dunha forma moi diferente á nosa. Nós vivímolo ca cruz, ca penitencia, co pecado, a dor, a amargura...En cambio, en Nova Orleans, celébrano con alegría saíndo ás rúas con carrozas, coas bandas animando o ambente... É diferente e curioso. Poderíamos importalo aquí.

Vitalista, viaxeiro e sempre reivindicativo. Demostrouno durante a catástrofe do Prestige dentro do movemento Nunca Máis. Nos últimos meses vimos ás actrices dicir basta ante os casos de violencia sexual que se coñeceron recentemente e que mostran a outra cara do sector. Qué opinión lle merece?

É unha realidade que mostra madurez e fortaleza. Dar a cara e loitar sempre é incómodo, é máis sinxelo mirar para outro lado. Por iso, valoro moito a xente que da a cara, que denuncia, que pelexa, que reivindica e que axuda a facer unha sociedade mellor. Eu vexóo así de claro e nunca penso as posibles repercusións, penso nas melloras colectivas como pobo e como sociedade.

“Dar a cara e loitar sempre é incómodo, é máis sinxelo mirar para outro lado. Por iso, valoro moito a xente que da a cara”

Por último, que lle depara o futuro a Miguel de Lira?

Como dicía unha pancarta que utilizabamos no espectaculo teatral de Chévere N.E.V.E.R.M.O.R.E., ‘O futuro non é o que vai pasar, o futuro é o que imos facer’. Iso é o que me depara, o que vaia facendo.