Intriga, emoción pero, sobre todo, comedia. Isto é o que promete +Cuñados, a secuela da estrea en galego máis ampla da historia, Cuñados (2021), filme proxectado en 135 pantallas de cine de toda España que contou con máis de 50.000 espectadores tan só en salas de cine e que foi capaz de reunir a 90.000 espectadores na súa estrea na Televisión de Galicia (TVG).

Cando chegará '+Cuñados aos cines?

A película, dirixida por Luis Avilés –coñecido por traballos coma Operación Marea Negra: La travesía suicida (2022) e gañador do Premio Mestre Mateo ao mellor documental por obras como Os días afogados (2016) e Idénticas (2019)–, guionizada por Araceli Gonda e producida pola galega Portocabo, chegará aos cines o próximo 19 de abril.

Rodada en galego e dobrada ao castelán, +Cuñados contará, ao igual que a súa antecesora, con caras recoñecidas do audiovisual galego como Miguel de Lira, Xosé A. Touriñán, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles súmanse nesta nova entrega os actores Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá entre outros.

Gran aposta por acercar á gran pantalla o entroido ourensán

A nova aventura dos cuñados da familia Ribeiro, que arranca coa aparición dun cadáver na ponte internacional de Tui, fai unha gran aposta por acercar á gran pantalla unha das tradicións máis coñecidas de Galicia, o entroido ourensán. Un ambiente festivo no que os protagonistas –Sabonis (Xosé A. Touriñán), Eduardo (Miguel de Lira) e Modesto (Federico Pérez)– montan un posto de pulpo para blanquear os cartos do botín que lles caeu do ceo dous anos antes tras a detención da empresaria Alicia Zamora (Paku Granxa) e o seu socio portugués, Viriato, un gángster interpretado nesta ocasión por Nuno Sá. Sen embargo, a aparición na cidade das termas da parella de Viriato, Andreia Nunes (Ana Saltão), en busca de venganza complicará as cousas até o punto de que o entroido de Ourense converterase nun auténtico baile de máscaras.

O filme +Cuñados contou coa participación da TVG, RTVE e Movistar Plus+, ademais do patrocinio da Deputación de Ourense e a D.O Ribeiro, así como a subvención da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Pola súa parte, Baños Films encargarase da distribución en España.