Dubra esgotará a vía xurídico-administrativa e mobilización social para evitar que instalen un vertedoiro en Niveiro

O alcalde recoñeceu o revés nos tribunais ao aceptar a compatibilidade urbanística do proxecto, pero chama a seguir coas protestas

A plataforma medioambiental local denuncia a existencia de vivendas e eto e dun milleiro de vacas nos arredores ás que perxudicaría

Concentración organizada en Bembibre, Dubra, contra o vertedoiro de Niveiro

Concentración organizada en Bembibre, Dubra, contra o vertedoiro de Niveiro / Concello

Vén de se celebrar no local social de Niveiro unha xuntanza convocada polo Concello de Val do Dubra e pola Asociación Medioambiental de Niveiro co fin de comunicar á veciñanza o avance do procedemento do proxecto do vertedoiro nesta localidade. Alí, o alcalde dubrés, Diego Luis Díaz Méndez, en nome do goberno e da Corporación municipal, transmitiu a súa vontade de “esgotar todas as vías xudiciais, administrativas e sociais para que unha instalación deste tipo non se instale en Val do Dubra xa que non aportaría ningún beneficio, en absoluto, ás nosas parroquias e concellos limítrofes”.

Engade ademais que desde o Concello de Val do Dubra están traballando man a man coa plataforma Asociación Medioambiental Niveiro, co fin de buscar “alternativas que en comunidade nos permitan defender esta postura contraria”. Na reunión da pasada tarde-noite comunicóuselle aos dubreses, e demais persoas interesadas, cal é o punto no que se atopa o proceso despois de que na primeira parte do procedemento, relativo á compatibilidade urbanística, os intereses do municipio sufrisen un revés xudicial. Informaron así das alegación que se tramitaron para dar resposta a este.

Díaz apunta a que “queda moito camiño por andar e seguirase traballando na vía administrativa-xudicial, contando coa empresa que elaborou o informe medioambiental do proxecto así como coa empresa especializada en asesoría xurídica e, por suposto, apoiando e estando presentes en cantas concentracións e actuacións que se convoquen para defender no eido social o rexeitamento ao vertedoiro”.

Soterrar lixo

Pola súa banda, a Asociación Mediambiental de Niveiro manifestou que “rexeitamos o proxecto dun vertedoiro en Niveiro que tentan encubrir coma rehabilitación dunha vella canteira. Non nos opoñemos a ditas rehabilitacións, de feito, a canteira xa se rehabilitou por si soa despois de máis de 20 anos sen actividade, nin á reciclaxe. Isto non se fai soterrando lixo no medio dos veciños, a escasos metros, e apuntamos ben: metros, das casas habitadas diariamente por familias. Familias que nalgúns casos viven dos seus animais, máis de mil cabezas de gando leiteiro, entre outras, ou do que a terra nos dá co noso traballo para alimentarnos.

Indican que “aínda que levamos máis de dous anos loitando coa axuda do Concello en contra deste “atropelo”, é agora cando comezamos a darlle visibilidade á nosa organización e á nosa plataforma cun Val do Dubra unido e con forza para opoñernos e amosar resistencia a dito proxecto, que só beneficia a unha empresa privada, a costa da saúde de todos os veciños e veciñas”. Engaden que o fan neste punto, porque “agora é cando a xustiza, unilateralmente e sen posibilidade de recurso, lle dá a razón a unha empresa en contra do que o goberno local advertía. Non é viable a construción de dito vertedoiro no medio das casas. Este proxecto xa se detectou dende un primeiro momento coma insalubre para a poboación e para o medio ambiente”.