DE BRAGA A MUXÍA

Vimianzo pon en valor as etapas da Vía Mariana

Dous paneis divulgativos achegan aos peregrinos o patrimonio que atopan en Baíñas e Berdoias

Cartel informativo ubicado na igrexa de Berdoias

Cartel informativo ubicado na igrexa de Berdoias / C. Vimianzo

J. M. Ramos

O Concello de Vimianzo, en colaboración coa Asociación Baíñas no Camiño e a Asociación Parroquial de Berdoias, instalou dous carteis informativos e divulgativos das etapas da Vía Mariana que discorren polo termo municipal. O primeiro está localizado ao carón da igrexa de Baíñas, e recolle o itinerario a seguir na 16ª etapa deste camiño, a primeira das dúas que pasan por Vimianzo.

Ademais, fai unha recompilación dos principais elementos patrimoniais que os camiñantes poden atopar no percorrido.

Panel informativo da Vía Mariana na igrexa de Baíñas

Panel informativo da Vía Mariana na igrexa de Baíñas / C. Vimianzo

O segundo, localizado á beira da igrexa de Berdoias, fala das etapas 16 e 17, as dúas últimas dun camiño que parte do Santuario do Sameiro, na cidade portuguesa de Braga, e que chega ao templo da Nosa Señora da Barca (Muxía).

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, remarca a importancia de poñer en valor “itinerarios que pasan polo noso municipio e que contan con centos de camiñantes cada ano; persoas que teñen a oportunidade de coñecer todo o que temos para ofrecerlle en Vimianzo”.

Rodríguez agradece a colaboración das dúas asociacións, salientando “o gran traballo que fan polas súas parroquias, axudando a que cada vez sexan máis coñecidas e promocionando os seus lugares de interese patrimonial e cultural”.