MEDIO AMBIENTE

Baldaio acolle 10 dos niños das 84 parellas de píllara das dunas que hai en Galicia

O censo medrou lixeiramente nos últimos dous anos

Esta especie está presente en 27 praias galegas

Nos centros de incubación artificial naceron o ano pasado 31 pitos, dos que voaron 30

A conselleira Ángeles Vázquez no espazo natural de Baldaio, en Carballo

A conselleira Ángeles Vázquez no espazo natural de Baldaio, en Carballo / Xunta

J. M. Ramos

A píllara das dunas, catalogada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas, ten na contorna de Baldaio (Carballo) un privilexiado refuxio, onde conta este ano con dez niños protexidos coa finalidade de velar polo crecemento da poboación dunha ave que adoita criar nas praias entre os meses de marzo e agosto.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou onte a contorna, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Biodiversidade, e asegurou que esta especie conta cun plan de conservación no que se delimitan as áreas de distribución potencial, presenza e zonas críticas para estas aves, entre as que se atopa o areal de Baldaio.

Esta área é un importante espazo natural de Galicia declarado Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA). Trátase dun cordón de máis de tres quilómetros de dunas –algunha delas de ata 20 metros– que une Baldaio coa praia de Razo, conformando no seu conxunto un dos areais máis extensos de Galicia.

A conselleira sinalou que o último censo, realizado no 2023, contabilizou un total de 84 parellas de píllara das dunas distribuídas por 27 praias galegas, o que supón un “leve incremento nos últimos dous anos”. Co fin de asegurar a conservación da especie, a Consellería de Medio Ambiente instalou 56 parcelas de exclusión para reducir a incidencia de depredadores alados e terrestres e balizou 30 áreas de nidificación.

Ademais, estase a desenvolver un programa de incubación artificial de ovos e cría de pitos nos centros de recuperación de fauna silvestre (CRFS) de Oleiros e Cotobade. No marco desta acción, o ano pasado naceron 31 pitos, dos que voaron 30, e elevouse a produtividade das parellas –ata acadar unha media de 1,2 pitos voados por parella–, achegándose así ao obxectivo de 1,5 establecido no plan de conservación da especie.

Crías de píllara das dunas nadas en Baldaio en 2023

Crías de píllara das dunas nadas en Baldaio en 2023 / Concello de Carballo

Boa parte das actuacións se están a desenvolver ao abeiro do proxecto europeo Iberalex, Xestión sostible de praias e zonas húmidas ibéricas: conservación da píllara das dunas como ferramenta para compatibilizar usos humanos e biodiversidade, que conta cun orzamento de 1,9 millóns de euros –cofinanciados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional– para executar accións de protección da especie tanto en España e Portugal entre 2023 e 2026.

Píllara das dunas

Píllara das dunas / Xunta de Galicia

Ángeles Vázquez incidiu na”transcendencia de sensibilizar ao conxunto da cidadanía sobre o coidado e mantemento das especies vexetais e animais”, ao tempo que puxo en valor a diversidade de hábitats existentes na comunidade galega.