CULTURA

‘O traballo de Andrea’ gaña a sétima mostra teatral Labarta Pose, de Zas

Emilio González foi elexido mellor actor e Miriam Bouso distinguida como a actriz máis brillante

O alcalde, Manuel Muíño, entregou un trofeo a Badius polos seus 40 anos sobre os escenarios

O alcalde, terceiro pola dereita en primeira fila, co xurado, premiados e concelleiros

O alcalde, terceiro pola dereita en primeira fila, co xurado, premiados e concelleiros / C. Zas

J. M. Ramos

O Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros (Lugo), fíxose co primeiro premio da VII Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose, organizada polo Concello de Zas, coa obra O traballo de Andrea. Conseguiu a mellor valoración do xurado e tamén o galardón que outorga o público, polo que recibiron un total de 1.100 euros, máis trofeo e diploma acreditativo.

O segundo premio foi para Crónica dun pobo, de Gargallada Teatro;o terceiro para A pousada da pantasma coxa, de A.C. Faíscas; o cuarto levouno Lonxe dos teus abrazos, da A.C. Teatro do Ar; e o quinto Fatum, de O Catre Teatro. Cada compañía foi agasallada con 700 euros.

Pola súa banda, Emilio González López, foi distinguido como mellor actor pola súa interpretación de Ditador na obra Crónica dun pobo, e Miriam Bouso Gallego, levou o galardón outorgado á mellor actriz pola súa interpretación de Andrea na obra O traballo de Andrea.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, fixo tamén entrega, en nome de todo o Concello, dun trofeo aos membros da compañía Badius, de Baio, para recoñecer os máis de 40 anos que levan enriba dos escenarios. Antes do acto, tivo lugar a clausura da Escola de Teatro Infantil de Zas, dirixida por Toño Casais, coa representación de O rei nú.

TEMAS