Zas ‘revive’ a figura de Labarta Pose

O Concello creou unha web que recolle a vida e o legado literario do escritor baiés // É un paso máis para que teña o seu propio Día das Letras Galegas

Jorge Mira, esqda., Ricardo García Mira, Xosé María Rei e Xosé Mª Lema nas xornadas celebradas en Baio

Jorge Mira, esqda., Ricardo García Mira, Xosé María Rei e Xosé Mª Lema nas xornadas celebradas en Baio / Concello de Zas

José Manuel Ramos

O Concello de Zas segue a dar pasos adiante para engrandecer a figura e obra do escritor baiés Enrique Labarta Pose, un dos veciños máis ilustres do municipio. Con tal fin veñen de crear una páxina web propia: https://enriquelabartapose.concello dezas.org/, a través da cal se pode acceder desde calquera parte do mundo a toda a información relativa á súa vida e tamén ao legado literario.

“Ademais de poñer a disposición de toda a cidadanía a información relativa a Labarta, esta web supón un chanzo máis nas accións que está a levar a cabo o Concello de Zas, xunto coa Comisión Labarta Pose, para que teña o seu propio Día das Letras Galegas”, indicou ao respecto o alcalde de Zas, Manuel Muíño.

Oespazo web foi creado e deseñado pola técnica de Cultura de Zas, Tania Carreira, quen asegura que é “un espazo vivo e actualizado”, cun coidado deseño, adaptable aos diferentes dispositivos, accesible e cunha estrutura cómoda e intuitiva na que o usuario pode consultar información sobre a súa vida, as súas publicacións xornalísticas e literarias, os seus premios, as súas pegadas, o roteiro literario incluído no proxecto Roteiros da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega e consultar a exposición itinerante sobre Labarta e que actualmente está no centro sociocultural de Baio. Ademais, dispón dun apartado de novas no que están publicadas diferentes informacións relacionadas con Enrique Labarta Pose e unha liña temporal.

Jorge Mira Pérez, portavoz da Comisión Enrique Labarta Pose, destaca o importante traballo que se está a facer dende o Concello de Zas sobre a difusión da figura do autor.

“Estivo sempre moi presente na súa vila natal e ségueo estando. Con esta web a información sobre a súa vida e a súa obra teñen unha maior proxección, xa que están dispoñibles para todo o mundo”, explicou.

Mira asegura que seguirán insistindo ante a Real Academia Galega “co fin de que lle dea a súa merecida homenaxe ao escritor baiés e teña o seu Día das Letras Galegas”.

Ademais de divulgar a figura do escritor baiés a través deste novo espazo web, o Concello de Zas, coa colaboración da Editorial Galaxia, publicará unha antoloxía poética de Enrique Labarta Pose, editada polos filólogos Xosé Manuel Varela Varela e Xosé María Rei Lema.

Asemade, Baio, a vila natal de Labarta, foi escenario da xornada As pegadas de Enrique Labarta Pose, na que expertos como o historiador Xosé María Lema Suárez; o filólogo José María Rei; a escritora e cronista de Pontevedra, Milagros Bará; o catedrático baiés da UDC Ricardo García Mira; o filólogo Xosé Manuel Varela Varela; e o catedrático e membro da Comisión Labarta Pose, Jorge Mira, analizaron desde distintos puntos de vista a obra do escritor e reivindicaron para el “o lugar que se merece”.