Entrevista | Mariana Senín Artista de nail art

“A base do meu proxecto nace da idea de entender as uñas como pequenos lenzos nos que traballar”

Mariana Senín é unha artista de Santiago de Compostela que emprega o nail art como modo de expresión mediante o seu proxecto Nails Out.

O 11 de maio impartirá un obradoiro de nail art na Unitaria, no que se centrará na faceta artística deste tipo de manicuras.

Mariana Senín, artista de nail art

Mariana Senín, artista de nail art / Cedida

Antía Suárez

Mariana Senín é unha artista compostelana, graduada en Historia da Arte pola USC, que crea pequenas obras de arte nas uñas. Ela fai nail art, unha práctica que se trata de decorar con diferentes deseños as uñas, recollendo dende as elaboracións máis básicas ás máis complexas. Esta expresión artística leva moitísimos anos facéndose, e grandes artistas como David Bowie, Harry Styles, la Rosalía ou Cardi B empregárona como un elemento icónico da súa marca persoal.

Pero no caso de Mariana, as súas creacións van un paso máis alá, céntranse na expresión, si, pero tamén exploran a dimensión máis artística da disciplina. É por iso, que este este 11 de maio dará un taller na Unitaria de nail art, para poder explorar esta visión tan propia deste arte.

Como comezastes no mundo do arte e do nail art?

Estudei Historia da Arte aquí, en Compostela, hai xa uns anos. Logo marchei facer un máster a Barcelona e foi alí onde descubrín a nail art e as posibilidades creativas que podía ofrecer. Así xurdiu a idea de xuntar ambos mundos, polo que despois de formarme na parte máis técnica da manicura, decidín volver a Santiago. Aquí comecei a explorar o que podía xurdir da unión do mundo da manicura co universo de referencias artísticas co que viña de traballar.

En que consiste Nails Outs?

Nails Out é un proxecto derivado do interese pola nail art como disciplina alén do estético. Para min, a manicura é un medio de expresión a través do cal involucrar referencias visuais de mundos como a arte, o deseño gráfico ou a moda.

Nail art y referencia visual por Mariana Senín

Nail art y referencia visual por Mariana Senín / Cedida

Cal foi a inspiración detrás de facer arte coas uñas?

A base do proxecto vén da idea de entender as uñas como pequenos lenzos sobre os que traballar, creando composicións que nos acompañan no noso día a día. Ademais, resúltame atractivo o carácter efémero da manicura, xa que permite xogar coa identidade e o estado de ánimo da persoa cada vez que se traballa con ela: con que estilo se identifica máis de cada vez, artistas que a inspiran en cada momento, etc.

Agora vas impartir o teu segundo obradoiro na Unitaria, o día 11 de maio. Como comezou este proxecto con Unitaria?

A idea de colaborar con Unitaria veu dunha carencia que eu mesma atopei no contexto da formación relacionada coa nail art, e é a falta de oferta de cursos enfocados precisamente á parte artística desta disciplina.

Que buscas transmitir con estes obradoiros?

Máis alá do puramente técnico, non existen moitos obradoiros que teñan como obxectivo desenvolver unha visión propia e creativa da manicura. Ademais, é cada vez máis habitual que moitas persoas teñan na casa unha lámpada para uñas, pero non tanto que se animen a explorar que lles pode ofrecer alén dun esmaltado liso ou un enfoque meramente estético. Por iso pensei na idea de configurar unha proposta baseada nesa idea da nail art como xogo creativo, apto tanto para persoas amateurs como para xente xa iniciada pero que queira potenciar a parte artística do seu proxecto.

Que outros proxectos estás facendo ou vas facer en Santiago de Compostela?

Ademais dos cursos, actualmente traballo facendo manicuras artísticas de xeito itinerante en estudos de tatuaxe e espazos multidisciplinares en diferentes cidades, e tamén acabo de lanzar o formato press on, que son sets de uñas postizas personalizadas que se realizan a medida e por encargo.

Existe unha comunidade de artistas semellantes a ti, ou percibes que só fas ti este tipo de arte na localidade?

En realidade, o mundo da nail art é moi amplo e diverso en estilos e enfoques, que é, en parte, o que o fai tan interesante. No contexto galego, penso que aínda existen prexuízos á hora de entender esta disciplina dende unha perspectiva artística, pero penso que estamos a vivir un momento de re-significación da mesma e que cada vez hai máis xente traballando e creando comunidade para que así sexa.