"Vívese mellor no Milladoiro ou en Bertamiráns que en Santiago"

O rexedor do único municipio galego onde hai máis nacementos que defuncións asegura que a fórmula do éxito pasa, sobre todo, por ter bos servizos de conciliación

Un ano despois das eleccións que lle deron a vitoria, Blas García (PSOE) goberna en minoría con vontade de "negociación" e coa "tranquilidade" de ter "máis control" sobre as políticas que fai o Concello

Blas García, Alcalde de Ames

Jesús Prieto

Como se leva ser o alcalde do concello que é o milagre demográfico de Galicia?

Con moita satisfacción e moita alegría, porque somos un exemplo a exportar. Pero eu sempre digo que iso é bo por una parte e negativo por outra, porque indica que o resto de concellos non teñen ese saldo vexetativo positivo e que Galicia segue perdendo poboación.

Cal é o segredo e ata que punto é mérito do Goberno local?

É mérito dos gobernos locais que fixeron ese traballo durante moito tempo. Sen dúbida, o gran éxito son os servizos de conciliación que temos, que se crearon baixo o Goberno de Carlos Fernández e que se mantiveron ata a actualidade. Pero tamén as obras que estamos facendo de humanización, o que traballamos en cultura, en saúde... e moitas políticas que facemos que son pioneiras en Galicia e fóra dela.

"Nunha época houbo moita xente que marchou vivir a Ames porque en Santiago non había vivenda, pero iso cambiou"

Non será grazas a Santiago, que non puido darlle una vivenda a prezo razoable a moitas persoas que ao final se estableceron en Ames?

Nunha época, sen dúbida, houbo moita xente que marchou vivir a Ames porque en Santiago non había vivenda, pero iso cambiou. Agora a xente elixe Ames porque no noso Concello vívese moi ben e con moita tranquilidade.

Blas García, Alcalde de Ames

Blas García, Alcalde de Ames / JESÚS PRIETO

Vívese mellor no Milladoiro ou Bertamiráns que en Santiago?

Sen dúbida. Eu non podo dicir outra cousa, pero é que hai moita xente de Santiago que na súa vida diaria vén a mercar e a consumir ao Milladoiro ou a Bertamiráns.

“Temos un PXOM desde o 2003 e nos vindeiros anos imos seguir medrando de maneira ordenada e organizada”

O alcalde de Brión dicía hai pouco nestas páxinas que non lle gustaría que o seu Concello medrara desmesuradamente como Ames. Crecen máis do que deberan?

Desde o 2003 temos un PXOM que non todos os Concellos teñen e fomos medrando en función del. Sufrimos o baixón que sufriron todos cando foi da crise, pero agora estamos repuntando. E temos varias licenzas solicitadas para máis edificacións tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, onde xa se está construíndo. Nos vindeiros anos imos seguir medrando de maneira ordenada. Por iso se están facendo as infraestruturas que se están facendo. En moitos sitios péchanse colexios. En Ames abrimos novos centros.

Non hai entón desmesura?

Non, controlado e organizado. Ademais, estamos humanizando os nosos dous núcleos. Primeiro Bertamiráns e agora Milladoiro.

Que non vai ser doado...

Nós afrontamos unhas eleccións municipais con Bertamiráns levantado e aínda así ganamos en todas as mesas electorais con solvencia. O que pasa é que hai que ter una idea de Concello clara e nós témola.

Di que Ames vai seguir medrando. Pero, vanse poder dimensionar os servizos para que cheguen ao conxunto da poboación?

Necesitamos infraestruturas. Por iso precisamos o apoio da Deputación da Coruña, que xa temos, e o da Xunta, porque nos últimos anos as infraestruturas non medraron de acordo co crecemento poboacional.

Cales son as máis necesarias?

Necesitamos infraestruturas deportivas e culturais, pero tamén precisamos espazos para que as asociacións que hai no Concello poidan facer actividades e reunirse.

Tamén se precisan pisos de alugueiro. En canto a novas vivendas, que previsións manexan?

Imos sacar a licitación tres parcelas municipais para que os promotores que estean interesados poidan construír vivienda. E non pensamos só no beneficio económico. Se unha parcela vale 500.000 euros, o promotor podería darnos unha parte en cartos e outra en especie, por exemplo cun baixo ou unha vivenda. Canta más vivenda, máis barato sería o alugueiro ou a venda, pero tamén nos fariamos cun activo municipal que acabaríamos usando polo déficit de infraestruturas que temos agora mesmo ou para ter vivenda social.

Ao fío do que antes dicía sobre a colaboración con outras administracións, como se leva coa Xunta?

Ben. Sempre digo que aínda que non sexamos do mesmo partido, temos que acabar entendéndonos. Ten que haber un respecto institucional e co presidente Rueda sempre o tiven e el tamén comigo.

"Ten que haber un respecto institucional entre administracións e co presidente Rueda sempre o tiven e el tamén comigo"

E co Concello de Santiago, ¿é suficiente a colaboración que hai?

Temos boa relación. Eu sempre defendo a colaboración entre concellos limítrofes. Non creo nas fusións e si en mancomunar servizos. Ao final, estamos todos entrelazados.

Ganou ou perdeu o seu Goberno dende que están en minoría?

Nin ganamos nin perdemos. O que temos é que negociar máis e falar máis cos grupos da oposición.

E está sendo fácil?

A política é negociación. Pero eu como alcalde o que ganei foi máis tranquilidade e máis control das políticas que se fan no Concello.

Entón, non bota de menos ao BNG no Goberno...

Sempre tivemos boa relación e espero seguir téndoa. Cando marchou David Santomil foi un día triste, porque era unha persoa de diálogo e de consenso. E espero manter ese consenso coa voceira actual e co resto de membros do BNG. Somos un Goberno de cooperación, cos grupos da oposición que queiran sacar políticas adiante, pero tamén co resto da sociedade de Ames.

"A oposición faise saíndo á rúa, non diante dun ordenador vendo o que van dicindo algúns veciños nas redes sociais"

Ultimamente vemos o PP facendo unha oposición máis dura...

É lóxico. Temos membros da oposición que están cobrando polo seu labor como concelleiros. Eu agradezo que fagan oposición construtiva. Non cando a fan polo que sae nas redes sociais. A oposición faise saíndo á rúa, non diante dun ordenador vendo o que van dicindo algúns veciños nas redes sociais, porque hai persoas con perfís falsos que lles faltan ao respecto a outras persoas, incluídos os membros do Goberno.