INFRAESTRUTURAS

A Xunta avaliará as demandas dos veciños de Xoane e Cances para mellorar a estrada AC-414

A delegada, Belén do Campo, reuniuse co alcalde, Evencio Ferrero

Amosou o compromiso de acadar solución "a algún problema particular"

Belén do Campo e Evencio Ferrero na xuntanza mantida este mércores

Belén do Campo e Evencio Ferrero na xuntanza mantida este mércores / Xunta de Galicia

J. M. Ramos

A delegada da Xunta, Belén do Campo, abordou co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a situación da actuación de renovación do firme e calmado de tráfico na AC-414 ao seu paso por Xoane e Cances, que se suspendeu polas protestas da veciñanza e para dar tempo a clarexar as cuestións achegadas. Do Campo trasladoulle o compromiso da Xunta para acadar unha solución “a algún problema particular que poida relacionarse con algunha pendente ou acceso a algunha das vivendas”.

Neste senso, solicitou a colaboración do rexedor, para que, a través dos seus técnicos, fagan chegar as propostas dos veciños para ser avaliadas e, no caso de ser tecnicamente posibles, se executarían no momento en que se retomen as obras.

A delegada aclarou que executar estar actuación, que supera os 700.000 €, “é fundamental para garantir a seguridade viaria” porque inclúe a reposición do firme, incluídos os aparcamentos, a sinalización, pasos de peóns elevados e a limitación da velocidade aos camións pesados.