LITERATURA

Zas entrega aos membros da Real Academia Galega a ‘Antoloxía poética de Labarta Pose’

O alcalde, Manuel Muíño, volveu a defender a candidatura do autor baiés ao Día das Letras Galegas

Víctor Freixanes, esquerda, Manuel Muíño e Tania Carreira cos libros entregados á RAG

Víctor Freixanes, esquerda, Manuel Muíño e Tania Carreira cos libros entregados á RAG / C. Zas

J. M. Ramos

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, reuníuse co presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, co fin de presentarlle a Antoloxía Poética de Enrique Labarta Pose, unha obra publicada recentemente pola Editorial Galaxia, en colaboración co Concello. Ademais aproveitou a ocasión para facerlle a entrega de varios exemplares para o fondo da RAG e tamén para cada un dos membros numerarios.

Muíño Espasandín volveu a defender a candidatura de Labarta Pose para que teña o seu propio Día das Letras Galegas. Víctor F. Freixanes agradeceu a visita, que demostra o respecto do Concello de Zas cara a figura da Real Academia Galega. Esta é a segunda vez que o rexedor mantén un encontro co presidente, despois de que no 2022 lle presentara todas as actividades que se estaban a realizar ao redor da figura de Labarta Pose con quen, segundo Muíño, “hai unha débeda histórica”.

Hoxe presentarase no auditorio de Baio un proxecto literario infantil sobre o autor baiés, impulsado en colaboración con Lela Edicións.