AXUDAS

A Deputación apoia con 472.500 € as escolas de música e conservatorios de trinta concellos

O obxectivo é facer accesible a formación artística e cultural máis aló das grandes cidades

O centro municipal de Carnota forma máis de 200 alumnos en dezaseis especialidades

Valentín González, esquerda, e Juan M. Saborido na Escola Municipal de Música de Carnota

Valentín González, esquerda, e Juan M. Saborido na Escola Municipal de Música de Carnota / D. Coruña

J. M. Ramos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, acompañado do alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, visitou as instalacións da Escola Municipal de Música, onde destacou que a institución provincial incrementa este ano nun 25% o orzamento das axudas para os trinta conservatorios e escolas de música e danza municipais da provincia, que pasan de 380.000 euros a 472.500 euros anuais.

Na convocatoria de 2024, un total de 30 concellos benefícianse destas axudas dirixidas aos seus centros de formación artística. Dezanove deles pertencen ao ámbito de Área: A Baña, Ames, Arzúa, Brión, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carnota, Cee, Melide, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Ponteceso, Porto do Son, Ribeira e Rois. As axudas deste ano son de 12.500 euros para as escolas de música e 25.000 € para os conservatorios.

Formoso subliñou en Carnota a importancia destas subvencións “coas que queremos dar apoio á formación artística nas diferentes escolas e conservatorios da provincia, nos que sabemos que hai moito talento que necesita ter ao seu alcance os medios para poder medrar e desenvolverse. Seguimos coa nosa filosofía de facer accesible a formación cultural máis alá das grandes cidades e das áreas urbanas, permitindo que pequenos e medianos concellos poidan ofrecer tamén estes servizos”.

Destacou o elevado número de alumnos cos que conta a Escola de Música de Carnota: “Na ESMU fórmanse este curso 208 alumnos e alumnas de toda a comarca, con ata 16 especialidades e instrumentos distintos, unhas cifras que evidencian a importancia e a necesidade destas axudas da Deputación”.

O alcalde, Juan Manuel Saborido, destacou a “contribución fundamental da Deputación” para manter centros como a ESMU, que permite a alumnos de Carnota e outros municipios da zona accedan a unha formación musical de calidade, grazas tamén a unha excelente plantilla docente, conformada por cinco profesores e profesoras que forman á rapazada en linguaxe musical, guitarra, piano, percusión, música tradicional, gaita, movemento ou canto.