TURISMO

Travesías ao Parque Nacional das Illas Atlánticas dende A Pobra

As Cíes, Sálvora e Ons serán os tres destinos

O plan contempla unha experiencia Starlight na ría

Os prezos van de 30 a 34 euros

Estefanía Ramos, no centro, coas técnicas de Turismo presentado o programa

Estefanía Ramos, no centro, coas técnicas de Turismo presentado o programa / C. A Pobra

A Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal, no seu afán por potenciar os recursos do municipio e ofrecer, a veciños e turistas, alternativas de lecer durante o verán, promoverá seis visitas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Baixo o slogan A Pobra do Caramiñal, vive a experiencia..., o Concello deseñou unha programación baseada en accións diferenciadoras que aporten un valor engadido á estadía na localidade, e que sirvan para dar a coñecer o patrimonio natural, histórico e cultural, “para que a xente o experimente”, afirmou a concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, quen presentou as propostas na compaña das técnicas municipais Ángeles Tubío e Sara Sánchez.

Entre as accións diferenciadoras, apostan por seguir achegando actividades con moita aceptación para coñecer outras paraxes naturais como é o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Para tal cometido, volverán colaborar coa empresa Piratas de Nabia, que fará realidade as travesías.

As Illas Cíes serán a primeira parada, o 30 de xuño, e tamén porán o broche de ouro a esta serie de saídas o 1 de setembro. O programa inclúe visitas a Sálvora o 21 de xullo e 3 de agosto. Nesta última data vivirase a experiencia Starlight para coñecer este anaco de terra na bocana da ría da Arousa durante a tarde-noite e observar as estrelas dun ceo sen contaminación lumínica. E o 28 de xullo e 11 de agosto porán rumbo a Ons.

Tódalas travesías náuticas inclúen ruta guiada. As viaxes a Cíes e a xornada Starligth de Sálvora teñen un prezo de 34 euros por persoa adulta, mentres que a de Ons e a diúrna a Sálvora baixa ata os 30 euros. No que respecta a crianzas entre 4 e 12 anos, o importe a pagar sitúase nos 18 euros en tódalas viaxes.

As persoas interesadas deberán tramitar as reservas a través da páxina web www.piratasdenabia.com, ou chamando ao teléfono de contacto 986 320048. Tamén están a dispor os dous números do departamento de Turismo da Pobra do Caramiñal para resolución de dúbidas: 671 090262 e 687 482835.