CIENCIA

Unha astrofísica de Boiro busca vida máis aló do Sistema Solar

Isabel Rebollido traballa no Centro Europeo de Astronomía Espacial

Investiga os chamados discos de escombro que orbitan ao redor de estrelas

Relatará os avances neste eido na Coruña no ciclo de conferencias da Real Academia Galega de Ciencias

Isabel Rebollido, astrofísica de Boiro

Isabel Rebollido, astrofísica de Boiro / RAGC

Non hai constancia de que haxa un galego na lúa, como dicía a canción de Zapato Veloz, pero si que hai galegos buscando vida máis aló do Sistema Solar. É o caso de Isabel Rebollido, astrofísica de Boiro que traballa no Centro Europeo de Astronomía Espacial (ESAC), con sede en Madrid.

Dende alí desenvolven as misións de astrofísica e de exploración do Sistema Solar da Axencia Espacial Europea (ESA). A investigación de Isabel Rebollido céntrase nos chamados discos de escombro, discos de pó e lixo que orbitan ao redor de estrelas con sistemas planetarios maduros e que conteñen información relevante sobre como é o seu sistema planetario e a súa potencial capacidade para albergar vida.

“A orixe da vida na Terra e a súa busca máis aló do noso planeta son interrogantes que a humanidade leva intentando resolver desde os seus inicios. As preguntas que outrora foran filosóficas convértense agora en investigación científica tanxible, grazas aos recentes avances tecnolóxicos”, afirma a astrofísica boirense.

Asegura ademais que o proceso de formación é clave para investigar a habitabilidade, xa que “a evolución dende o estado de nube molecular ata a distribución final está afectada por un gran número de parámetros e axentes externos, como por exemplo a interacción con outras estrelas”, engade.

“Observacións futuras cos grandes telescopios espaciais de nova xeración aspiran a tomar as primeiras imaxes dun planeta similar á Terra, o que nos permitirá obter información directa sobre a súa atmosfera, temperatura e condicións de habitabilidade. Ata entón, os astrónomos e astrónomas utilizamos datos indirectos para localizar os mellores candidatos para a procura de vida fóra do Sistema Solar”, afirma.

Do que nos depara o futuro en relación á procura de vida máis aló do Sistema Solar e dos primeiros avances neste eido falará Isabel Rebollido na conferencia que impartirá o mércores, día 12, no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, no marco do ciclo de conferencias Fronteiras, dende a orixe do universo, ata a exploración espacial, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias.

Un encontro que se centrará na búsqueda de vida no universo e na posibilidade de vivir fóra do noso planeta. A sesión comezará coa intervención de Benjamín Montesinos, investigador do Centro de Astrobioloxía do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e presidente da Sociedad Española de Astronomía, quen afondará nas características dos sistemas planetarios descubertos ata agora e a súas perspectivas de futuro.

Tamén participará Ester Lázaro, outra das investigadoras do Centro de Astrobioloxía do CSIC, quen abordará as bases da vida fóra do noso planeta desde unha perspectiva astrobiolóxica, e tratará de dar unha resposta científica a grandes preguntas que se fixo o ser humano ao longo da historia, como cal é a orixe da vida na Terra?, hai vida noutros corpos do universo? ou como serían os moradores deses lonxanos lugares?. A científica afirma que unha posible definición de vida sería “un sistema transformador de energía en base a un sustrato genético que permite su evolución”.

Asistencia presencial ou en liña

Ao remate das conferencias, os asistentes poderán manter un debate cos expertos participantes. Tamén se poderá participar gratuitamente en todas as charlas do ciclo, de xeito presencial ou en liña, previa inscrición en https://forms.gle/FZ6hAQovKHtncLEx9.