Jesús Salgado reivindica as Ciencias Sociais como unha disciplina máis de investigación

O catedrático da USC recibiu no Pazo de Fonseca unha das cinco Medallas que concede cada ano a RAGC xunto cos estudosos doutras áreas David Posada, Fernando Obelleiro, Aurora Grandal e Ricardo Cao

Os encargados de facer entrega das medallas xuntos cos galardoados e os seus respectivos padriños, coa estatua de Alonso de Fonseca ás súas costas

Os encargados de facer entrega das medallas xuntos cos galardoados e os seus respectivos padriños, coa estatua de Alonso de Fonseca ás súas costas / suso rivas - ragc

Adriana quesada

O Día da Ciencia en Galicia é o motivo polo que, anualmente, se escolle un galego ilustre ao que recordar e ademais entréganse as Medallas de Investigación de Galicia da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Segundo sinalou no acto deste ano Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, trátase dunha ocasión “para recordar o papel na ciencia de persoas no ámbito da nosa comunidade autónoma”.

Durante a cerimonia foron entregadas cinco medallas ás persoas distinguidas no ámbito científico ao longo deste ano. O primeiro galardoado foi David Posada, coa medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, quen reivindicou a “existencia da ciencia galega”. Este foi seguido por Fernando Obelleiro, coa medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas, quen destacou as dificultades que teñen os investigadores por “non ter horarios nin vacacións” e resaltou o importante papel das familias.

Aurora Grandal recibía a medalla Antonio Casares Rodríguez na sección de Química e Xeoloxía polo seu papel, entre outros, na paleontoloxía, a pesar de que no inicio da súa carreira lle aseguraron que “en Galicia non existían os fósiles”. Jesús Salgado recibiu a medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais e, finalmente, Ricardo Cao, a medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación polo seu gran desempeño na área estatística.

Retrato de Manuel Colmeiro / RAGC

Retrato de Manuel Colmeiro / RAGC

Ciencias sociais

Jesús Salgado é catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos na Universidade de Santiago. Segundo declarou a EL CORREO GALLEGO: “Das cousas máis emotivas do acto foi que se considere que a miña disciplina ten a calidade e solvencia necesaria para estar ao mesmo nivel que a xenética, as matemáticas ou a paleontoloxía”.

Ademais, asegura que a entrega da medalla foi unha completa sorpresa para el, posto que non era consciente de que estaba proposto como candidato e, a día de hoxe, aínda non sabe quen foi a persoa que o propuxo. “Cando me chamou Juan Lema, o presidente da RAGC, para comunicarme a noticia sentín unha honra extraordinaria”, asegura.

Por outra banda, tamén destaca que é un “recoñecemento en Galicia, na súa terra e na súa universidade”. Destaca que existe “unha ciencia en Galicia e de Galicia cara o mundo”. Na súa disciplina, desenvolta na USC, son unha referencia mundial, con milleiros de artigos citados e tamén unha gran cantidade de alumnos estranxeiros que buscan aprender nesta universidade galega. “Hai unha ciencia consolidada e están chegando unhas novas xeracións de gran calidade”, comenta.

No acto tamén estiveron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; o secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez, así como outras académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, educativas, culturais e de investigación galegas.

[object Object]

Despois da entrega de medallas, Juan Ramón Quintás, catedrático de Análise Económica e académico da RAGC, levou a cabo un relatorio sobre a carreira do homenaxeado: Manuel Colmeiro y Penido. Destacando o carácter reformista deste economista compostelán, Manuel Colmeiro naceu no 1818 para converterse nun dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político e Historia.

Segundo se indicou durante este relatorio, Manuel Colmeiro proviña dunha familia onde primaban tanto o talento como o esforzo. Con esta combinación, tanto el como seu irmán estudaron en universidades para converterse en números uns a nivel europeo, cada un dentro do seu ámbito.

Partindo dese comezo, Manuel Colmeiro consegue converterse en catedrático de Economía Política e Dereito Político e Administrativo na USC para, máis adiante, facerse tamén catedrático na Universidade Central de Madrid, onde naquel momento non existía este posto.

Con esta filosofía reformista, tamén foi o primeiro economista que avogou pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, por dar solución ao minifundismo. Ao seu xuízo, este cambio contribuiría ao desenvolvemento agrario e económico.