A concelleira de Educación de Santiago, Míriam Louzao, anunciou onte durante unha comparecencia de prensa que o Goberno local está a estudar a posibilidade de “instalar cociñas nos colexios” para que ofrezan directamente o servizo de comedor, algo que recoñecen que non se vai poder levar a cabo en todos os centros educativos por falta de espazo. Por iso, dende Raxoi estase a analizar a posibilidade de crear unha única cociña que dea servizo a todas as escolas do concello ou instalar algunhas nos centros nos que se dispoña de superficie e que éstes abastezan aquelas escolas sen cociña.

“Estamos valorando cantas cociñas habería que facer, a idea deste goberno é colocar varias cociñas e que cada unha delas dea servizo a varios dos colexios”, explicou Louzao, para especificar que “agora temos que ver en que centros se poderían instalar, é unha cuestión técnica”. Pero a concelleira tamén fixo referencia ao veciño concello de Ames, “había dúas cociñas e agora está facendo unha cociña central fóra dos colexios e para todos os centros porque chegaron á conclusión de que era máis óptimo”, polo que Raxoi non descarta esta opción.

A xunta de goberno local aprobou onte o convenio coa Consellería de Educación da Xunta para a xestión do servizo de comedor en nove centros educativos da cidade. O presente convenio afecta o presente curso e tamén o próximo. Dentro deste pacto a Xunta achega 106.477 euros -por cursos escolares- para financiar a prestación deste servizo, cunha duración máxima de catro anos.

A achega da Xunta aos comedores escolares é de 55 céntimos, para un menú valorado en 5,82 euros máis IVE. Louzao non deixou de recalcar que a pesar de ser esta “unha competencia da Xunta” o Concello asumiuna dende que chegou ao Goberno local e lembrou que “dende que gobernou o PP as ANPA -Asociación de Nais e Pais- decidiron deixar de xestionar o servizo” polo que o asumiu Raxoi. “Evidentemente”, recalcou a edil, “este goberno non vai deixar sen comer as escolas de Compostela”, pero subliñou que o Executivo local ten “outra idea do que ten que ser o servizo de comedores e traballaremos nese sentido, seguiremos incidindo en que se as competencias as asumen os concellos, polo menos o lóxico, é que se transfiran os orzamentos para poder facelo”. Dende a Xunta destácase a contía que destina a estes comedores, e afirma que supón “un incremento do 10% na nosa achega ao Concello de Santiago, exactamente a mesma porcentaxe de suba que se aplicou ao resto”. 

Unha cuestión a dos comedores que non afecta só a Santiago, polo que ante a falta de entendemento coa Administración autonómica, Raxoi agarda ás negocacións que está a levar a cabo coa Xunta a Fegamp -Federación Galega de Municipios e Provincias-.

A concelleira Míriam Louzao lembrou que o Goberno local está a preparar unha ordenanza reguladora do pago do servizo de comedor para que as familias fagan a súa achega seguindo “tramos de renda” porque contribuír segundo os ingresos de cada unidade familiar “entendemos que é o máis xusto”. “Aínda así”, insistiu Louzao, “a Xunta debería pagar tamén o xusto polo que conleva a xestión dos comedores”.