Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Galicia combate a despoboación do rural con 27 novas concentracións parcelarias

Súmanse ás 25 resoltas en tres anos, período no que recibiron axudas para traballar no campo 353 mozos, un 28 por cento máis

Minifundismo e perda de poboación foron historicamente os grandes problemas do rural galego. A concentración parcelaria segue a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Os incentivos á xuventude para asentarse no rural e apostar polo traballo na agricultura e a gandeiría, xunto coas políticas de mellora de infraestruturas, servizos e accesos, empezan a xerar datos esperanzadores.

Ata hai uns anos, os procesos de concentración parcelaria eran demasiado lentos. Trinta e cinco anos durou a que vén de rematar este martes en Nebra (Porto do Son) coa enterga dos títulos de propiedade. Pero a entrada en vigor en 2015 da Lei de mellora da estrutura agraria de Galicia marcou un antes e un despois ao permitir, entre outras cousas, acelerar eses procesos administrativos.

Na actualidade, as novas concentracións teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Entre 2020 e o que vai de 2023, a Xunta rematou 25 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas, beneficiando a preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade.

Nese período incrementouse un 28 % o número de mozos e mozas que percibiron axudas da Administración autonómica para traballar na agricultura ou na gandeiría. En 2022 fixérono 353.

O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu este martes en Nebra á entrega dos títulos ós 1.160 propietarios das 2.500 parcelas resultantes de concentrar case 7.500 predios e que ocupan unha superficie de 610 hectáreas, o que supuxo que o tamaño medio por parcela se triplicase e pasase de 814 a 2.485 metros cadrados.

González, que estivo acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde sonense, Luis Oujo, destacou que a Xunta investiu neste proceso de reorganización do territorio algo máis de 3,1 millóns de euros.

Dende 2021 ata a actualidade decretáronse 27 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total de 22.589 hectáreas e afectan a 107.317 parcelas de 15.387 titulares. O obxectivo de Medio Rural é acadar a trintena de procesos (decretados e finalizados) neste primeiro semestre do ano.

“A Xunta seguirá entregando títulos noutras áreas de Galicia e decretaranse novas zonas onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias. Así, a Consellería ten orzamentados 17 millóns de euros en 2023 para tal fin”, sinalou o representante autonómico.

Por outra banda, dende a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia (en maio de 2021) ao redor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas voluntarias no concello de Friol (Lugo).

“Nos tres últimos anos puxemos a andar procedementos para mobilizar e para dar terreos aos nosos agricultores e gandeiros por encima das 30.000 hectáreas: un 1 % do territorio galego”, engadiu.

08 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.