Historia da Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Esteirana

O colectivo Aestuarium, da mán do coordinador Diego Mayo, lanzou un libro polo 50ª aniversario do clube da ría de Muros, no que se expón a orixe e a evolución da entidade

Figuran tamén directivos, adestradores e xogadores, entre eles José Luis Vara Olveira

Varios xogadores que formaron parte da Esteirana nas súas orixes, na presentación do libro /j.m.ferreiro

Varios xogadores que formaron parte da Esteirana nas súas orixes, na presentación do libro /j.m.ferreiro / Valentín Álvarez

A Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Esteirana celebrou no ano 2021 o seu 50º aniversario. Naquel momento, a pandemia impediu festexar este medio século de vida coma se pretendía, máis isto non freou á entidade e recentemente publicouse o libro Sociedade Cultural, Recreativa e Deportica Esteirana. MCMLXXI. Trátase dunha obra que expón a orixe tanto do clube coma da tradición futboleira da vila, todos os xogadores que pasaron pola entidade, os mellores e peores momentos da mesma e unha gran mostra de fotografías históricas, incluíndo nelas crónicas e novas de diversos medios de comunicación sobre a SCRD Esteirana.

Diego Mayo Mayo, coordinador do libro, contou a EL CORREO GALLEGO que este “comeza co capítulo Somorto 1915, en referencia ao complexo industrial que foi o núcleo da actividade do balompé naquel ano”, e que tan só cinco anos despois, deu lugar a “toda unha rutina domingueira no Areal do Artón: retíranse redes, rodeiras de carros, márcase o campo de fútbol coas codias, cáscaras ou cabacos dos pinos e ánclanse os varais, xentileza dos aserradeiros, que delimitan as porterías”.

O Areal de O Artón, que contaba cunha polivalente superficie

Diego Mayo, 2º polo esquerda / JOSÉ MANUEL FERREIRO

A elaboración desta “enciclopedia” particular sobre o clube da ría de Muros non foi doada, coma se pode intuír ollando a extensa bibliografía que contén. “Por moi famosos que sexan os xogadores, moitas veces non se lles sabe o nome. Canta xente coñece o nome real de Vinicius, por exemplo? No libro figura o nome e o apodo de cada persoa que pasou polo clube, e iso conlevou un traballo moi, moi gordo”, sinala Diego Mayo, reflectindo o gran esforzo que hai detrás desta obra.

Diego Mayo, 2º polo esquerda / josé manuel ferreiro

O Areal de O Artón, que contaba cunha polivalente superficie / Valentín Álvarez

Un bo exemplo disto tamén o pode poñer o coordinador do libro, que asegura que “pasei moitas horas na Cidade da Cultura, en Santiago. É donde están recollidos todos, ou creo que a gran maioría dos periódicos que son en papel”, que tamén son protagonistas na obra, pois nela aparecen recortes de novas sobre a Esteirana. E precisamente este foi un dos labores menos doados, pois, sinala Diego: “En ocasións atopas recortes de xornais máis ou menos logrados, pero non sucedía en tódolos casos. E na Cidade da Cultura non permiten facer fotocopias, polo que, estivesen ben ou mal, só podía sacarlles unha fotografía con coidado”.

TEMPADAS PARA O RECORDO

Sociedad Cultural, Recreativa e Deportiva Esteirana. MCMLXXI conta ademáis cunha serie de 50 pequenos capítulos que se corresponden coas primeiras 50 tempadas co clube, dende a 1971-1972 ata a 2021-2022. En cada un constan imaxes desa campaña, recortes de periódico con crónicas dalgúns encontros ou fichas técnicas dos mesmos. E algunhas tempadas destacan especialmente polos logros acadados, coma é o caso da 76-77. Entón, a Esteirana quedou segunda na XIV Copa da Costa tras caer na final ante o Outes, máis o importante foi a súa participación no xa extinto XLVIII Campionato Estatal de Aficionados, para o cal se clasifican os equipos campión e subcampión rexionais. Nesta fase, a Esteirana chegou á final e caiu co Alondras, polo que xogou unha fase de repesca a nivel nacional contra o CD Toledo. “Aquel pódese considerar o mellor ano, foi moi boa tempada en xeral e xogouse a final daquela Copa de Aficionados que fixo viaxar ao equipo a Toledo. O torneo era unha iniciativa da Real Federación Española para dar saída a xogadores non profesionais”, declaraba Diego Mayo ao respecto, que tamén destacou positivamente as tempadas previas á pandemia: “Foron campións de liga e da Copa da Costa”.

UN XOGADOR DE LENDA

Malia tratarse dun clube dunha vila pequena e que compite en categorías non profesionais, moitos recoñecerán o nome dun esteirán que, tralo seu paso polo equipo da súa vila, triunfou neste deporte e brillou no Deportivo de A Coruña ou no Real Betis: José Luis Vara Olveira. Xogou na Esteirana sendo un rapaz, ata 1975, e despois convertiuse nun histórico do Deportivo, onde botou case unha década e anotou 100 goles, a maioría deles na Segunda División. Aínda así, os mellores anos de Vara chegaron no Betis, onde xogou dous anos na Primeira División facendo 7 goles. “Non me gusta facer comparacións, pero é certo que José Luís estivo a outro nivel. Ao final, el viviu do fútbol, e de feito o concello púxolle o seu nome ao campo”, asegura o coordinador do libro, o cal fixo debutar na Esteirana a Vara nun encontro que lle deixou unha curiosa anécdota: “Era un partido de xuvenís, e José Luis non tiña idade para xogar porque era dous anos menor que os rapaces da súa quinta, como lles chamo eu. Chegamos ao descanso perdendo 3-0, así que chamei a Vara e díxenlle que se puxese o material igual para xogar a segunda parte. Gañamos 3-6...”.

A quinta de José Luis Vara, ano 1974. O histórico xogador, segundo pola dereita na fila dos axeonllados

A quinta de José Luis Vara, ano 1974. O histórico xogador, segundo pola dereita na fila dos axeonllados / Valentín Álvarez

O CLUBE NA ACTUALIDADE

Os últimos anos, coma sucedeu en tódolos ámbitos, estiveron marcados pola pandemia. Tal e como se indica no libro, na tempada 2019-2020 a RFGF cancela a Copa da Costa e detén a liga na xornada 26, indo 3ª a Esteirana. Na seguinte campaña tampouco hai competición, pero é un ano importante para o clube pois o Comité Galego de Adestradores fai un emotivo recoñecemento aos adestradores de honra da entidade. Na 2021-2022 volve o fútbol, coa 58ª edición da Liga da Costa, da cal a Esteirana proclámase campioa ascendendo á Primeira Categoría Autonómica. Así mesmo, chegan á final da LVII Copa da Costa, máis caen ante o Fisterra por 1-2. Por último, esta tempada o equipo da ría de Muros conseguiu o obxectivo que se establecera: unha meritoria permanencia que lles permite seguir soñando en grande.