Entrevista | Néstor Rego Candidato do BNG ao Congreso pola Coruña

“O Bloque fixo máis por Galicia cun deputado que o PP con 10 e coa Xunta”

Entrevista a Néstor Rego, candidato do BNG ao Congreso pola Coruña

Jesús Prieto

Convencidos de que é posible chegar a ter grupo propio na Cámara, os nacionalistas aseguran que, se deles depende, Feijóo e a ultradereita non gobernarán, pero, advirten, non lle darán un cheque en branco a Sánchez e Yolanda Díaz.

O debate entre Sánchez e Feijóo segue dando que falar. Para vostede, quen gañou?

Vin algúns fragmentos, lin moitos comentarios e creo que, se gañou alguén, en Galiza foi o BNG. As prioridades políticas do noso país non están nin no bloque de Sánchez nin no bloque de Feijóo. De feito, vin moitas reaccións de persoas que dicían que estaban dubidando sobre o voto útil e que, tras o debate, tiñan claro que ían votar o BNG.

Pero como cre que pode influir nos votantes de esquerda esa percepción parece que xeralizada de que Sánchez perdeu o debate. Pode haber desmobilización?

É evidente que no conxunto do Estado español hai unha certa desmobilización das forzas de esquerda. Pero creo que é consecuencia, non dun debate, senón dunha traxectoria de goberno con algunhas luces pero con moitas sombras, porque houbo moitos incumprimentos que acabaron provocando decepción. Por exemplo, cando se promete a derrogación da reforma laboral e non se fai ou cando se promete derrogar a lei mordaza e tampouco se fai. Pero na Galiza é evidente que o BNG está medrando, así o indican todos os inquéritos, porque a xente ao final valora que fomos unha forza coherente na defensa de aquelo ao que nos comprometemos.

Non teme entón que parte do electorado potencial do BNG acabe apoiando a Sánchez por medo a que Feijóo goberne con Vox?

É verdade que hai moita apelación ao voto útil polo medo, pero nestas elecciones trátase de votar con convicción e confianza no país. Nós sabemos que temos que convencer a algunhas persoas que poden estar dubidando, pero cada vez hai máis xente que ten claro que o BNG, desde que recuperou a presenza no Congreso, colocou a axenda galega enriba da mesa por medio dun acordo de investidura. Parte dese acordo cumpriuse ou estase cumprindo. Outra parte non, é verdade. Pero ter un grupo galego forte no Congreso vai servir para que Galiza estea mellor defendida e para obrigar a quen goberne a cumprir os seus compromisos. Ao final, a chave é esa.

Se gaña Feijóo e necesita a Vox para gobernar, contempla o Bloque a posibilidade de absterse para que o líder do PP poida ser investido sen os votos dos de Abascal?

Nós estamos convencidos de que Feijóo non vai sumar para gobernar e estamos traballando para que, cando menos na Galiza, iso non sexa posible. Sabemos que hai deputados e deputadas en disputa. Estamos convencidos de que cantos máis deputados saque o BNG, menos sacará o PP, incluidas as provincias de Lugo e Ourense. Se o voto inconformista que quere frear a dereita, pero que quere tamén que Galiza estea representada, se concentra no BNG é máis fácil que o Bloque lle arrebate un deputado en Lugo e Ourense ao PP que que o faga o PSOE.

Non o contemplarían, pero todas as enquisas din que Feijóo pode gobernar...

Non imos nin considerar a posibilidade de que poida haber un retroceso en dereitos e liberdades. Estamos traballando para que iso non ocorra. Cando os votos do BNG son decisivos, somos capaces de arrancar compromisos a favor do país. Agora do que se trata é de que teñamos a capacidade de obrigar a que eses compromisos se cumpran. Estamos convencidos de que ese escenario non se vai dar.

Néstor Rego na sede de El Correo Gallego

Néstor Rego na sede de El Correo Gallego / Jesús Prieto

Falemos, entón, do outro escenario posible: un Goberno de PSOE con Sumar. Apoiaríao o BNG? A cambio de que?

Se do BNG depende, Feijóo e a ultradereita non van gobernar. Xa o demostramos hai catro anos, cando o noso voto foi decisivo na investidura, e evitamos que a dereita e a ultradereita gobernasen aínda que fose por medio dunha repetición electoral. Pero non lle imos dar un cheque en branco a ninguén. Os votos do BNG teñen que servir para que Galiza mellore. No investimento no Orzamentos do Estado, propoñemos volver ao horizonte dos 2.000 millóns de euros, fronte aos 1.000 millóns en que estamos agora.

Sería algo irrenunciable?

Ese ten que ser o horizonte. Queremos que se avance nas infraestruturas ferroviarias, na rexeneración e saneamento das nosas rías, que se revirta a crise industrial, que se fagan políticas sociais, que se derrogue dunha vez a lei mordaza, que se recuperen dereitos laborais e nas pensións ou que se cree o xulgado de violencia de xénero nas cinco cidades galegas onde aínda non existe, que se compensen os 200 millóns de euros de débeda con Galicia na Lei de Dependencia e que se fortaleza o autogoberno, coa disposición do Estado a ceder todas as competencias que aínda están pendentes...

Non serán demasiadas cousas de golpe?

Si, pero estamos falando da investidura. Non é unha cuestión menor e Galicia tense que facer valer. Moita xente di: que ben negocian os vascos e cataláns... E iso é grazas a que teñen grupos fortes que se fan valer na negociación. Iso é o que quere o BNG.

Un reproche que lle fai o PP é que vostede non conseguiu nada a cambio de apoiar o Goberno do PSOE e de Unidas Podemos...

Parece que o PP se esforza moito en dicir que o BNG foi inútil. Será que é consciente de que a sociedade galega ten unha percepción totalmente distinta. Eu pregunto: Que conseguiu o PP con dez deputados e co Goberno da Xunta? Absolutamente nada. OBNG, cun deputado, conseguiu eses históricos descontos na AP-9, é a primera vez en máis de 40 anos que en vez de subir, baixa; a rexeneración e saneamento da ría do Burgo, que levaba décadas esperando; a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña, xa adxudicada; as obras na liña entre Ourense e Lugo, que están en execución, ou a intervención do Ministerio en Barreras, que foi resultado da presión do BNG. O realidade demostra que o BNG, cun deputado, foi bastante máis útil que eles con 10 deputados e co Goberno de Galiza.

Para conseguir grupo propio terían que lograr cinco deputados. Agora tiñan un. Cal sería un bo resultado para o BNG?

Non hai ningunha enquisa que nos dea menos de dous deputados, además dun senador. Pero temos o mal hábito de superar as enquisas.

Non temen que Sumar lles poida restar votos en Galicia?

Sinceramente, creo que non. O BNG foi coherente na defensa dos intereses deste país e no impulso a políticas sociais avanzadas, fronte a una forza que dende o Goberno foi cómplice dos incumprimentos dese Goberno ou de moitas políticas que se sitúan moi á marxe do que podemos considerar progresistas, como, por exemplo, a reforma laboral ou o incremento do gasto militar. Creo que teñen moito que explicar e moita responsabilidade na desafección que existe en parte do electorado.

Marta Lois falaba aquí en EL CORREO GALLEGO do ‘estilo Yolanda’ e do tirón que ten tamén en Galicia...

En campaña é moi fácil prometer, pero hai que ter moita prevención ante os políticos que prometen e cando gobernan incumpren esas promesas...

Dío por Yolanda Díaz e a proposta dos 20.000 eurosde herdanza universal?

Falo en xeral, pero non é unha cuestión de estilo, senón de políticas serias. Os 20.000 euros de herdanza universal é unha proposta que ou non está ben pensada ou non está ben formulada.

Tivo máis luces o máis sombras o Goberno?

Cun goberno de dereitas, as cousas irían peor, pero non se pode quedar a medias ou incumprir os compromisos adquiridos.

“Quen pode liderar o cambio en Galicia é o BNG”

Se Feijóo goberna, Rueda podería adiantar as autonómicas. Contemplan ese escenario?

É posible, aínda que non sexa razoable. En todo caso, nós imos estar preparados. Sería a oportunidade de que se dera o cambio político que precisa Galiza: ter un Goberno encabezado por Ana Pontón

En termos electorais, viríalles mellor, porque o PSdeG aínda non ten candidato...

Nós non entramos nos problemas doutras formacións. A sociedade sabe que somos unha forza política seria, que mira por este país, e, cando é necesario un cambio, como agora, os galegos saben que quen pode lideralo é o BNG.

Entenderíanse ben BNG e PSdeG para gobernar a Xunta?

Se hai posibilidade de sacar o PP da Xunta, sería unha irresponsabilidade non facelo. Nós, cando estivemos nesa tesitura, respondemos a ese compromiso. Agora que o BNG é segunda forza política e que seguro que vai mellorar a súa posición, espero que quen teña que decidir, o faga correctamente. Canto mellor lle vaia ao BNG nestas eleccións, máis posibilidades haberá dunha mudanza na Xunta nas autonómicas.

Sorprendeulle que o PSOE non quixera entrar no Goberno de Goretti Sanmartín en Santiago?

É unha decisión respectable, pero non parece moi responsable.

En que vai cambiar Santiago cunha alcaldesa nacionalista?

Será unha cidade orgullosa de ser a capital do país. Goretti dixo que quería ser unha alcaldesa que plantase árbores. Creo que no seu mandato haberá un cambio moi importante na recuperación urbana e o medio ambiente, na cultura e na actividade económica na cidade.