Compostela Aberta dirixe a maiores e dependentes o plan "Xantar na Casa"

O programa proverá comida saudable a domicilio para aquelas persoas con déficit de autonomía persoal e retomará o Consello Municipal das Persoas Maiores

María Rozas, candidata de Compostela Aberta, na campaña

María Rozas, candidata de Compostela Aberta, na campaña / CA

Redacción

A candidata de Compostela Aberta (CA) á Alcaldía de Santiago, María Rozas, presentou na tarde do domingo as propostas da súa formación dirixidas ás persoas maiores e dependentes porque “é unha prioridade avanzar na atención ás persoas maiores e máis vulnerables, e facelo sen obrigalas a saír da súa contorna cotiá”. Por iso, a formación poñerá en marcha, se acada a alcaldía, o programa "Xantar na Casa" de comida a domicilio destinado a persoas con déficit de autonomía persoal. María Rozas tamén se comprometeu a reforzar o Consello Municipal de Persoas Maiores e a impulsar desde o Concello programas de envellecemento activo, “con iniciativas que se desenvolverán na rede de centros socioculturais e ao aire libre nos espazos verdes de Santiago, e nos que tamén apostaremos polas actividades interxeracionais”, explicou a candidata, “para fomentar a aprendizaxe mutua entre as persoas maiores e a mocidade, particularmente arredor da arte, da cultura e da memoria”, matizou.

En relación coa atención aos maiores, a candidata de CA, referíuse tamén á actual siuación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que ten unha folga convocada para o 22 de maio por incumprimentos do contrato por parte da empresa concesionaria, Servisar-DomusVi. Desde CA “cremos necesario realizar unha auditoría do SAF, porque somos conscientes da situación que atravesan as súas traballadoras, e de como iso repercute tamén nas persoas usuarias”, recalcou a candidata.

María Rozas expuxo que “unha quinta parte da poboación de Santiago ten máis de 65 anos, e temos case 5.000 persoas desa idade que viven soas, unha cifra que non deixou de medrar nos últimos anos”.

Este é o motivo polo que a candidatura de CA ve “preciso reforzar as políticas municipais dirixidas ás persoas maiores, e facelo coa súa participación, a través do Consello Municipal que quedou constituído neste mandato pero que non tivo ningunha actividade”. Nesta dirección, María Rozas recalcou que “o das persoas maiores, coma os demais consellos municipais de participación cidadá, non pode quedar como un órgano baleiro, senón que debe ser útil para canalizar as demandas do colectivo e para achegar solucións”.

Apostar por facer de Santiago “unha cidade máis amigable coas persoas maiores” é outro dos obxectivos de Compostela Aberta en relación á cidadanía de máis idade, unha atención que pasa por “atender cuestións relacionadas coa mellora da accesibilidade, física e cognitiva, impulsar plans municipais de saúde e promover un envellecemento activo”, aclarou Rozas. Este programa, dixo a candidata, estará “vinculado á Rede de Centros Cívicos e crearase unha Escola de Maiores, ao tempo que poremos en marcha un programa de actividades ao aire libre, aproveitando os espazos verdes de Santiago”.