Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

25 de xullo, entre xuño e agosto, ou de como enfiar un futuro de esperanza

Goretti Sanmartín Rei / Voceira do BNG no concello de Santiago

Omes de xullo ocupa un espazo preeminente no noso calendario. No calendario nacional e no da nosa cidade. É tempo de festa e de reivindicación. O inicio das vacacións -ou dun período de maior relaxación- e do tempo de lecer. Cos días máis longos (xa desde finais de xuño) podemos pasear nese exterior máis desexado que nunca nestes tempos case pospandémicos, traballar na horta ou visitar os parques. E é tempo axeitado para asistir a concertos ao aire libre, a contacontos -viva o Festival Atlántica!- ou espectáculos de danza. Son bos momentos para nos xuntarmos de novo en concentracións reivindicativas, algunhas delas para que os gobernos non intenten que sexan as mesmas persoas de sempre as que paguen a crise.

E para que cumpran con Galiza, co acordo de investidura entre o BNG e o goberno do Estado e coas millenta promesas dun Fejóo cun Santiago a que o PP lle dá as costas en prazas de Educación infantil, de residencias, de centros de día, de reclamacións históricas para termos unha Escola Oficial de Idiomas e un Conservatorio á altura do que merece a capital do País e cabeceira dunha extensa comarca. E falamos do mesmo goberno galego que ignora as peticións para dotar Compostela dun Conservatorio de Danza cando hai demanda e inmensas posibilidades de dinamización económica nestes tempos de crise.

O 25 de xullo de 2021 será o momento de recuperarmos certa normalidade e volvermos celebrar conxuntamente o Día da Patria, o noso día nacional, para reencontrármonos fisicamente nas rúas de Compostela.

Ao mes de xullo antecédeo o mes de xuño, o das reivindicacións LGBT, o das reclamacións de acoller a diversidade como algo consubstancial ao ser humano, o da fin dun ríxido sistema binario asentado nun heteropatriarcado que temos que desterrar, o da alegría de ser, de vivir, de celebrar, o da vangarda das propostas lexislativas no caso galego, o dos colectivos con maior potencia e desenvolvemento crítico. Para as persoas da miña xeración, de décadas de vivencias en Compostela, érguese unha figura referente, hoxe tamén recoñecida entre a xente máis nova, a inmensa Laura Bugalho, con centos de batallas ás costas.

E a continuación de xullo chega o mes de agosto, o mes da memoria, da loita pola dignidade, da conquista da xustiza, da verdade, da reparación, da oposición ao franquismo. Para alén da loita por Meirás -con Carlos Babío e Manuel Pérez como referentes principais-, en Compostela seguimos a reclamar a devolución das estatuas do Mestre Mateo e que o Concello promova un monumento a Ánxel Casal. Un alcalde da cidade asasinado polo franquismo hai 85 anos sen un espazo para o honrar en pleno 2021! Precisamos que funcione de verdade a Comisión de Memoria Histórica que o Concello puxo en marcha por iniciativa do BNG municipal.

Un fétido cheiro a odio rancio quere entrar no noso país, na Galiza, nunha terra que sempre defendeu a diversidade e que aposta por ocupar un lugar no mundo desde a súa idiosincrasia. Unha nación nin mellor nin peor que outros lugares. Con outra lingua. Con outro acento. Cun humor sutil e enraizado na tradición. Con toda a vangarda da súa creatividade cultural. Coa riqueza da súa paisaxe, aínda que hai tempo ameazada pola galopante eucaliptización. Galegas e galegos orgullámonos de ser diferentes, de posuírmos colectivamente características nacionais, de conformar un pobo con historia e de tomar impulso no camiño andado (iniciado por unha ecoloxista e feminista como Rosalía que defendeu a carballeira de Conxo e os dereitos de todas as mulleres, das labregas ás escritoras) para debuxar un futuro de esperanza.

O feminismo tivo historicamente a capacidade de integrar as diferenzas, transcendelas e lograr que pasasen a formar parte da súa identidade. Ese é o modelo que nós queremos para a Galiza. Esa é a cidade, ese é o concello en que aspiramos a nos converter. O 25 de xullo, entre xuño e agosto, meses de reivindicación e de festa para unha Galiza libre e dona de si.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito