Ano Santo 2021-22
Úrsula Heinze de Lorenzo / Escritora

calor
chuvia
en xullo
no día do
Apóstolo Santiago
figura de pedra
eterna
de forza
de esperanza
tesouro histórico
da cidade
de Santiago
para honralo
non se precisan palabras
tódalas gabanzas
xa se dixeron
persoas
van á misa
persoas
van á praia
persoas
van ás festas
persoas
abandonadas
sen praia
sen festa
coa misa
na televisión
neste tempo
de soidade
e incomprensión
Santiago
no pensamento
pode servir
de consolo
unha pedra
SI
pero chea
de historia
de simbolismo
e o que é
máis importante
de herdanza humana
grazas a
El Correo Gallego
que tódolos anos
festexa o día do Apóstolo
cunhas páxinas especiais
chega o evento
ó estranxeiro
no século
da técnica e
da deshumanización
son precisos
símbolos e
figuras da historia
que sobreviviron
a tódalas épocas
un editor / amigo alemán
que percorreu
o Camiño de Santiago
varias veces
pídeme sempre
recortes con
noticias da Catedral
publicados en
El Correo Gallego
para ser informado
hai uns anos visitei
coa miña filla Amaia
a catedral de Naumburg
unha vella cidade
no leste de Alemaña
antes inaccesible para nós
por estar na órbita
da Unión Soviética
a catedral posúe
un dos poucos e máis antigos
LETTNER
conservados en Europa
de estilo románico
os LETTNER
típicos da Idade Media
consisten
nunha parede un pouco alta
de madeira traballada
ou tamén de pedra
detrás dela colocábase
o clero para rezar
separado desta maneira dos laicos
moito nos sorprendeu
cando o guía
nos falou
de testemuños
do Apóstolo Santiago
naquela catedral
ó final
falamos con el
para dicirlle que
‘levabamos saúdos
do Apóstolo’
que eramos de Santiago
alegrouse moito
e pediunos información
de todo o relacionado
coa nosa cidade
onde nunca estivera.
O Apóstolo desde o alto
da Catedral observa e
protexe a nosa cidade
esperemos que por
moitos séculos máis.