Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ano Santo e renovación da Unión Europea

Cristina Ares Castro-Conde / Profesora de Ciencia Política e da Administración na USC

Entre os poucos efectos positivos da pandemia de COVID-19 figura a decisión de Roma de converter o terceiro Xacobeo do século XXI no primeiro Ano en manter a Porta Santa aberta durante máis de doce meses, ata finais do 2022. Para abril do 2022 están programadas as eleccións presidencias de Francia e a conclusión da Conferencia sobre o futuro de Europa, evento cuxo calendario tamén se viu afectado pola enfermidade epidémica.

O inicio da Conferencia ou foro de discusión paneuropea, onde participan o Parlamento Europeo, a Comisión Europea, o Consello de Ministros, os órganos consultivos da UE, os Parlamentos dos vinte e sete Estados membros, representantes da sociedade civil organizada e cidadáns, foi adiado un ano. Esta apertura estaba inicialmente prevista para o 9 de maio do 2020, coincidindo co septuaxésimo aniversario da Declaración Schuman, quen fora ministro de asuntos exteriores galo entre 1948 e 1953, considerada o documento inaugural do camiño da integración europea.

A pandemia revitalizou o sistema político da UE máis do que tiña previsto a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, cando, tras as eleccións de 2019, negociou a axenda de traballo para o ciclo 2019-2024 cos xefes dos grupos políticos na Eurocámara -fundamentalmente, popular, socialdemócrata e liberal-, e de Estado ou de Goberno no Consello Europeo.

A resposta económica á pandemia por parte da UE foi categórica: con emendas inmediatas ao orzamento do 2020 para o aprovisionamento de material médico, a transferencia de doentes entre Estados membros a fin de recibir tratamento, a repatriacións de cidadáns europeos e o apoio aos sistemas nacionais de saúde; a aprobación de tres redes de seguridade para os traballadores, as empresas e os Estados membros, cun orzamento de 540.000 millóns de euros; o programa temporal de compras de emerxencia do Banco Central Europeo e outras medidas non convencionais de política monetaria; a flexibilidade na aplicación das regras en materia de axudas de Estado ou a fin de acomodar os gastos nacionais excepcionais para o apoio ás familias e ás empresas; e, finalmente, o acordo orzamentario para o período 2021-2027, que inclúe novidades nos ingresos (ou o “sistema de recursos propios”).

Este incorpora a emisión de débeda europea para recadar máis de 750.000 millóns de euros do plan de recuperación Next Generation EU (“Xeración futura UE”). A Conferencia sobre o futuro de Europa foi ideada co obxecto de discutir os temas prioritarios na axenda de políticas da UE dende as eleccións de 2019. Os cambios institucionais dependentes dunha nova reforma do Tratado da UE e do Tratado de Funcionamento da UE fican nun segundo plano, debido á diversidade nas preferencias e o elevado número de actores con capacidade para vetar os acordos europeos ou a súa ratificación nos Estados membros. Sen xerar expectativas pouco realistas, ogallá a chamada deste longo Xacobeo 21-22 á renovación nos principios nos dirixa aos asuntos chave tamén na democracia da UE.

Cómpre embelecer as eleccións europeas dando maior visibilidade ás alternativas dos partidos nacionais e transnacionais sobre as distintas políticas da UE. A pesar de que, como os Tratados, a lexislación electoral europea resulta custosa de actualizar debido ao procedemento especial previsto para a súa reforma, merece a pena recuperar a conversación sobre a incorporación dunha circunscrición paneuropea, con listas encabezadas polas persoas candidatas dos europartidos a presidir a Comisión Europea. Finalmente, cabe reflexionar sobre a suxestiva supresión da figura de Presidente do Consello Europeo, cuxas funcións asumiría a presidencia da Comisión.

Que o Apóstolo Santiago nos guíe no camiño persoal, profesional e colectivo a todas e todos os europeos. Feliz Día de Galicia 2021!

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito