Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arquitectura e territorio

Elena Ampudia Aixendri / Decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Celebramos o Día de Galicia como unha festa da identidade do noso pobo, esperanzados en deixar atrás a maldita e cruel pandemia que nos asolou. Os arquitectos galegos tamén temos moito que celebrar, logo da crise demoledora que sufriu a construción hai doce anos, deixando moitos profesionais sen traballo e o sector baixo mínimos. Aínda hoxe estamos a recuperarnos. Non obstante, non é menos significativo que aquela caída provocou, igualmente, un cambio de modelo na profesión de arquitecto. Procuramos novos nichos de mercado ou estimulamos algúns emerxentes, como a rehabilitación e o mantemento do patrimonio construído nos últimos cincuenta anos. En toda Galicia, particularmente nas cidades e vilas, houbo e hai un parque residencial enorme que precisa de reformas e arranxos de distinta consideración e calado.

Por outra parte, o Colexio de Arquitectos leva vinte anos desenvolvendo o Proxecto Terra en colaboración permanente coa Xunta de Galicia e outras entidades. É un programa dirixido a escolares con abundante material didáctico, co obxecto de que descubran e valoren o territorio e a paisaxe. Trátase de que o alumnado teña un coñecemento crítico dos espazos que habitamos e herdamos, coa nosa obriga de transmitilo ás futuras xeracións a partir do compromiso irrenunciable cun medio sostible. Os recursos educativos elaborados están presentes en todos os centros de Educación Secundaria, Primaria e Infantil de Galicia, tendo participado ata hoxe uns 55.000 escolares. Estamos a falar dunha tarefa de fondo e de longo percorrido, onde o noso colexio profesional fixo unha decidida e necesaria aposta formativa, como unha ferramenta máis dirixida a combater a degradación do medio construído, etiquetada como feísmo. Ata o mes pasado houbo unha mostra na Cidade da Cultura. Cómpre lembrar que o Proxecto Terra foi Premio Nacional de Urbanismo en 2010 e Premio da Crítica de Galicia a iniciativas culturais en 2011.

Volvendo ao exercicio profesional, malia que os arquitectos galegos están a traballar con poucos medios e recursos, cada vez se recoñece máis a súa obra. Na recente Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, sobre un corpus de 600 obras, o 20% dos proxectos finalistas estaban feitos en Galicia e asinados por arquitectas e arquitectos galegos. Nos premios FAD, que abrangue España e Portugal desde hai sesenta e tres anos, sempre hai finalistas galegos. Na última edición dos premios do Consello Superior de Arquitectos de España, a obra premiada o Complexo Turístico de Albeida, tamén é galega.

Igualmente cómpre destacar o esforzo da Xunta de Galicia por mellorar as construcións e trazados do Camiño de Santiago, así como o incansable pulo rehabilitador do Consorcio da cidade no caso particular da capital galega, este esforzo da administración vese reflexado en las actuacións dos particulares. Finalmente, cada ano saen da ETSA da Universidade da Coruña entre oitenta e cen arquitectos titulados, que seguen a sementar un oficio tan antigo como desafiante. Por iso, os arquitectos galegos como profesionais comprometidos coa sociedade e paixón pola nosa actividade, celebramos estar no bo camiño.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito