Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ULLO

As mulleres na construción do futuro de Galicia

Carmela Silva Rego / Presidenta da Deputación de Pontevedra

Resulta incomprensible que en pleno século XXI non se conte con máis do 52% da poboación e do talento da sociedade que representamos nós, as mulleres. Dicía Simone de Beauvoir que “a representación do mundo, como o mundo mesmo, é o mundo do home, eles descríbeno dende o seu punto de vista, o cal confunden coa absoluta verdade” e canta razón segue a ter a súa afirmación! Canto temos aínda que loitar para que as mulleres teñamos o peso que nos merecemos, por dereito propio, na configuración dunha sociedade máis xusta, avanzada e democrática!

Por iso, neste Día de Galicia, quero reivindicar e alzar a voz para reclamar que non se poden impulsar proxectos estratéxicos, nin iniciativas transformadoras, nin actuacións para deseñar o futuro e xa o presente da nosa terra sen contar con nós, as mulleres. A mulleres galegas temos que xogar un papel prioritario na construción dunha Galicia de futuro. Queremos e temos que estar aí onde se toman as decisións coas nosas aportacións, a nosa visión, as nosas ideas, os nosos proxectos, as nosas experiencias que son fundamentais na construción dunha terra máis próspera, con máis dereitos, máis garantías e máis oportunidades para o conxunto da sociedade.

Creo firmemente que as mulleres somos unha oportunidade para a construción do futuro de Galicia e non podemos permitirnos o luxo de perder o talento do 52% da poboación cando amais somos nós, as mulleres, o 54% das persoas graduadas en educación superior, con mellores cualificacións.

Galicia conta con moitas e moi potentes voces de mulleres en campos como a economía, a educación, a ciencia, a tecnoloxía, a dixitalización, a enxeñaría, o deporte, a cultura, o audiovisual, da empresa ou das ONGD. Mulleres como a ministra e alta funcionaria Nadia Calviño, referente internacional no eido da economía. Mulleres da educación como a mestra viguesa Alicia Tojeiro, nomeada a mellor profesora de España, ou a mestra tudense Teresa Domínguez, que dirixiu o CRA Clara Torres de Tui elixida mellor Escola do Ano pola Fundación Princesa de Girona.

Mulleres científicas como as catedráticas María José Alonso ou Alicia Estévez; a considerada unha da 12 enxeñeiras con maior proxección en Silicon Valley, Miriam Pena; a astrofísica da NASA Begoña Vila; a directora do grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, Marisol Soengas ou Alba Aguión, a primeira científica galega da quinta expedición internacional Homeward Bound. Mulleres do deporte como as futbolistas Vero Boquete e Paula Dapena, as piragüistas Ana Penas e Teresa Portela, a nadadora Bea Gómez , a atleta Antía Chamosa ou a adestradora do Teucro, Irene Vilaboa.

Mulleres da cultura como a escultora Soledad Penalta, a cantautora Sés, ou as escritoras Ledicia Costas, María Xosé Queizán ou Margarita Ledo. Mulleres do audiovisual como as produtoras Teresa Fernández-Valdés ou Emma Lustres ou as actrices María Castro, Cristina Castaño ou Celia Freijeiro. Mulleres da música e da empresa, mulleres da industria, do urbanismo, da mobilidade e da Transición Ecolóxica, como Luz Casal, Uxía e María Domínguez, Purificación García, Irene Milleiro, Rosa García, Isabel Pardo de Vera e un longo etcétera.

Hai, como vemos, mulleres. Moitas. En Galicia temos grandes referentes e precisamos convertelas en protagonistas e situalas no lugar onde, por méritos propios, teñen que estar para liderar o deseño do presente e do futuro da nosa terra. Por iso hoxe, neste Día de Galicia, é o momento de reivindicar a presenza das mulleres galegas na toma de decisións. A nosa capacidade, intelixencia, coñecemento e empuxe ten que ser un potente instrumento para construír a transformación que Galicia precisa. Non contar coas mulleres é democraticamente intolerable e social e economicamente moi pouco intelixente.

É o momento de saír dos discursos e pasar á acción. Todas e todos temos un papel fundamental así que xuntémonos, mulleres e homes, para construír, unidas e unidos, unha Galicia forte, con proxecto que respondan aos novos retos que permitirán construír un futuro de progreso. Estou segura que conto coa túa complicidade e o teu compromiso neste camiño.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito