Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Autónom@s e empresas, pancas da reactivación económica

Rosa Mary Cardeso Trillo / Secretaria General de la Cámara de Comercio de Santiago de Compostela

Un ano máis, como cada 25 de xullo, celebramos o día da nosa Terra, e os “picheleiros” e as “picheleiras” honraremos tamén ao noso Patrón. Nembargantes, este 2021 non será un ano calquera. Este aniversario terá un matiz diferente. Será o decisivo para o inicio da tan agardada e necesaria reactivación e recuperación económica. Debemos, pois, tomar consciencia de que só co compromiso de todos -administracións, institucións, axentes económicos e sociais- poderemos camiñar con paso firme cara unha verdadeira desescalada.

Despois de ter que navegar na dura travesía que supuxo a crise provocada pola Covid-19, quen, en forma de sucesivas ondas, ameazaba seriamente con facernos naugrafar sanitaria, social e economicamente, por fin comezamos a albiscar, nun horizonte máis próximo, un porto onde atracar.

Pouco a pouco comezamos a saír do ostracismo ao que nos tiña obrigado este confinamento forzoso; a compartir tempo cos nosos; a viaxar; a desprendernos dese complemento salvavidas que se volveu indispensable no noso “outfit” diario; a ver sorrisos que ata o de agora so podiamos intuír a través da mirada... Importantes conquistas que debemos protexer se non queremos correr o risco de voltar ao punto de partida.

Falaba Aristóteles da importancia da “memoria como base da experiencia”. Por iso, namentres izamos velas cara a tan nomeada e ansiada “normalidade”, agardando que os ventos nos sexan favorables, non debemos esquecer a necesidade de seguir apelando á responsabilidade colectiva. Non podemos permitirnos dar nin un só paso atrás. Debémosllo a todos aqueles que tiveron que loitar na primeira liña de batalla, arriscando a súa propia saúde para salvargardar a nosa; aos que xa non están; aos que deixaron polo camiño familia, amigos, traballo e ilusións; aos que quedaron orfos de esperanza... Debémosllo tamén AS NOSAS EMPRESAS E AOS NOSOS AUTÓNOMOS E AUTÓNOMAS, quen, de súpeto, se viron obrigados a baixar a reixa do seu negocio e a observar, desde a máis absoluta impotencia, como o esforzo de tantos anos esvaecíase ao compás no que minguaban a súa clientela e os seus ingresos. Sirvan estas verbas para renderlles unha merecida homenaxe.

Non cómpre esquencer que as pemes son a espiña dorsal da nosa economía e as que contribúen á forza laboral e a xeración de riqueza en calquera sociedade. A súa contribución ao Valor Engadido Bruto e á xeración de emprego é incuestionable. Por iso, agora máis que nunca, resulta fundamental tender pontes cara unha verdadeira colaboración público-privada e unha férrea colaboración institucional. É urxente continuar no desenvolvemento de reformas estructurais e políticas activas que permitan reconstruir unha estrutura empresarial forte e consolidada que actúe como panca da reactivación, recuperación e crecemento económico do noso territorio. Neste sentido, os Fondos Europeos, deberan ser a oportunidade óptima para modernizar e apuntalar a nosa economía.

Resulta tamén fundamental que esas políticas sexan permeables e cheguen a todas aquelas empresas e autónomos e autónomas que as precisen, con independencia da súa actividade económica e tamaño; e que o fagan no momento temporal axeitado. Calquera política extemporánea deixa de cumprir necesariamente o fin para a cal foi promulgada.

Para garantir esa capilaridade e rapidez na resposta, o papel que están chamadas a xogar as Cámaras de Comercio revélase fundamental. Estas institucións, en tanto que corporacións de dereito público de adscrición universal e representación dos intereses xerais de toda a actividade económica e empresarial, teñen recoñecidas por lei o desenvolvemento dunha serie de funcións público-administrativas, que, grazas a súa cercanía ao tecido produtivo e á súa dilatada experiencia na xestión de programas e fondos europeos, poderían coadxuvar na correcta e eficaz xestión das diferentes liñas de actuación públicas, funcionando, á vez, como o altofalante e brazo executor da propia administración e axilizando a súa permeabilidade ao tecido empresarial. Así se está a demostrar con éxito noutras Comunidades Autónomas e así se recoñece na propia Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia onde se agarda que as cámaras galegas contribúan coa súa actuación a garantir ao sector privado que o investimento se desenvolva nun marco de certeza e axilidade burocrática que favoreza a implantación de novas iniciativas e o afianzamento e extensión das xa existentes no tecido produtivo de Galicia.

É o momento, por tanto, de aunar esforzos, optimizar recursos e traballar xuntos na mesma dirección. O futuro dos nosos autónomos e das nosas empresas ben o merece.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito