Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ULLO

Camiñando, paralelismo entre o Camiño e a escola

Susana Vázquez Martínez / Profesora y doctora en Didáctica FEAE Galicia

Moitos son os paralelismos entre o Camiño de Santiago e a escola, e non me refiro ao evidente potencial didáctico dos seus camiños, senón a que ambos son espazos de aprendizaxe persoal e social.

Itinerarios formativos e experienciais, que nos levan non só a desfrutar e aprender do que nos rodea e das persoas que coñecemos, senón que nos convidan a percorrer a nosa propia xeografía interna. Como no progreso escolar, andar o Camiño desenvolve o noso afán de superación, permítenos interiorizar a alegría de compartir, a hospitalidade, a solidariedade, o respecto aos demais ou a empatía, entre outros valores humanos.

Quizais este curso que acaba de finalizar fose un deses fitos que marcan as nosas vidas como docentes. Como peregrinos e peregrinas dixitais, fomos avanzando por un terreo inhóspito que nos colleu por sorpresa e que nos obrigou, nesta “nova normalidade”, a repensar a finalidade da educación. Reforzamos o noso papel como titoras e titores para acompañar e proporcionarlle ao noso alumnado a seguridade e as ferramentas que os axudasen a ser conscientes das súas fortalezas e debilidades, pero tamén a mirar a vida cunha actitude positiva e responsable.

Polo camiño, momentos de angustia ao quedar patente o que xa coñeciamos, a verdadeira fenda, a da equidade. A pandemia fixo patente a desigualdade do dereito á educación a nivel mundial, e na proximidade os contextos de exclusión que sempre nos acompañaron, fixéronse máis visibles. E non só durante a etapa do confinamento, senón ao longo de todo este curso 20/21 no que os protocolos COVID dificultaron a atención individual que cada nena ou neno precisa.

Máis ca nunca, foi necesario atender esas fendas que poden existir nos fogares ou nas contornas sociais do alumnado. Moito máis no caso daquel con discapacidade, como o colectivo de alumnos xordos, que se viu enfrontando a retos que non existirían se contásemos cun sistema educativo realmente comprometido coas súas necesidades.

Como bo albergue no Camiño, púxose en evidencia o papel da escola presencial como motor dunha educación de calidade, equitativa e inclusiva que responda os retos que estamos a vivir a nivel local e global. Máis ca nunca, salientou a importancia neste novo camiño de coñecementos, actitudes e habilidades para vivir nun mundo complexo, desigual e interconectado onde as nosas actitudes, comportamentos e hábitos teñen un impacto na vida dos demais e no planeta. Máis ca nunca, en definitiva, evidenciouse que necesitamos dun enfoque educativo orientado á promoción dunha cidadanía global.

É certo que en moitas ocasións nos sentimos invadidos polo esgotamento e a extenuación neste percorrido mais comprendemos que quedar sentados non era unha opción. Avanzamos, día tras día, animados polas compañeiras e compañeiros de peregrinación, establecendo de forma espontánea e eficiente, ante unha resposta insuficiente e improvisada da Administración, redes de xenerosidade compartida entre equipos directivos e profesorado, entre centros e coas familias. Non hai máis que achegarse ás páxinas do portal educativo Aulas Galegas (https://aulasgalegas.org) para entender que, como sucede no Camiño de Santiago, talvez facendo o camiño imos descubrindo realmente a nosa propia riqueza.

E deste xeito descubrimos un camiño diferente, no que nos volvemos a recoñecer fráxiles e no que nos atrevemos a preguntarnos o que somos, a escola que facemos e aquela que queremos e que podemos cambiar.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito