Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ULLO

Confianza en Galiza

Ana Pontón Mondelo / Portavoz nacional do BNG

Apandemia, na que seguimos inmersas, deixa moitas leccións. Entre elas, a capacidade de resiliencia e de sacrifico polo ben común da inmensa maioría dos galegos e das galegas. Ese exemplo, debe darnos confianza na capacidade para poñer en marcha transformacións de futuro. Confiar no País e na súa xente para gañar un futuro mellor, con ideas que nos permitan enfrontar os retos pendentes.

Temos recursos, talento, coñecemento, potencial. O que cómpre é poñelo ao servizo de Galiza, para crear riqueza, emprego e benestar aquí. E iso esixe un cambio de perspectiva: Galiza no centro e tomar as decisións desde nós.

As Irmandades da Fala, a xeración Nós, o Partido Galeguista foron en cada momento histórico mostras da vontade e da capacidade intelectual do noso pobo para pensar e propoñer, colectivamente, unha Galiza mellor. Esa mirada segue a ser imprescindíbel se queremos avanzar -como eu quero- cara a unha Galiza viva, forte, xusta e con futuro.

O futuro non se pode construír desde a submisión, nin desde ao agravio tan ligados ao centralismo, nin permitindo o espolio económico dos nosos recursos. Precisamos encarar o futuro desde outras coordenadas. A mirada do BNG é a da autoestima e a confianza, a do orgullo de ser galegas e galegos, a dunha nación que se constrúa desde valores republicanos e radicalmente democráticos, cos pés na terra, mais con ambición de País, sen poñernos límites.

Hoxe temos unha Galiza onde medra o desemprego, avanza a crise industrial, continúa a sangría demográfica, a fuga de talento, o espolio da nosa riqueza eléctrica e todo mentres a nosa lingua continúa perdendo falantes. E todo isto mentres comprobamos que os cambios de inquilino na Moncloa non muden o maltrato á nosa terra, por iso é tan importante o traballo que o BNG fai no Congreso e no Parlamento Europeo.

Porén, precisamos máis forza para poñer fin ao agravio con Galiza. É o momento de escribir unha historia onde o noso País gañe. E precisamos facelo unidos como pobo, sumando vontades individuais e colectivas, abríndonos á irmandade entre todas e todos nós, expresándonos como unha comunidade que non renuncia a exercer o seu dereito a ser e a existir.

Feijóo e o Partido Popular están nas antípodas deste pensamento e desta actuación. A súa incapacidade para imaxinar unha Galiza con peso político no Estado español e en Europa é o primeiro dos atrancos para avanzar. Non só estamos limitados polo marco xurídico-político vixente, senón tamén pola submisión dun Goberno galego que actúa un día e outro como unha simple sucursal do PP madrileño.

Con todo, cada vez máis sociedade galega se suma á proposta dun cambio político profundo para unha nova Galiza. Hoxe o BNG é a alternativa a un goberno do PP na Xunta que carece de liderado, de propostas de país e que se dedica sen pudor, mesmo no medio dunha pandemia, a facer de oposición da oposición.

E somos alternativa ao centralismo que practican os partidos estatais, incluídos os que sustentan o actual Goberno español que incumpre o pactado co BNG no acordo de investidura. Incumprimento que crean decepción porque demostra a súa falta de compromiso con Galiza, na mesma estela do PP, e tamén incumpre as promesas de derrogar a Lei mordaza e as contrarreformas laborais, mentres é incapaz de poñer freo ao incremento abusivo da factura da luz o do prezo da vivenda.

O tempo que vivimos non é tempo de regate curto, senón de altura de miras. Máis que nunca temos que poñer a mirada no horizonte sen esquecernos de dar solucións aos problemas materiais do cotiá, eses que lle quitan o sono a moitas familias, a moitas pequenas e medianas empresas. Actuar no presente para construír un futuro mellor. Este é o meu compromiso e o compromiso do BNG: traballar cada día para darlle ao este País porvir de esperanza. As xeracións que han de vir merecen que lles deixemos unha Galiza viva, próspera, xusta, dinámica, moderna, a Dinamarca do finis terrae, na que as mulleres estamos chamadas a coller as rendas do futuro coas nosas mans.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito