Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ULLO

De Camiños e Camiñantes

Carmen Mª Pomar Tojo / Deputada do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Santiago de Compostela é o meu berce e o espírito xacobeo forma parte inherente das miñas raíces. Neste día, domingo, 25 de Xullo, non podo deixar de lembrar ao meu pai e facerlle honra escribindo sobre aquilo ao que tantas horas do seu tempo adicou, o camiño e o fenómeno xacobeo.

Lembro que houbo un tempo, nos meus anos mozos, no que buscaba agrandar o meu mundo, logo descubrín que vivo nunha cidade onde cabe o mundo enteiro. Vivo nunha cidade que acolle a quen chega, sexa cal sexa o seu motivo, a súa procedencia ou a súa historia, buscando a meta, a propia, a única.

E chegamos cansos de andar, xa zurcidos os rachados da vida, decididos a compoñer un novo poema da marcha, a marcha que comezamos fai tempo e sen importarnos a conta das xornadas vencidas. Non é posible volver atrás sen volverse un desde unha autenticidade diferente, adquirida gratuitamente, sen costes, no cansancio escollido e non naquel obrigado pola supervivencia no fluír prosaico e na aceleración brutal do quefacer cotiá.

O camiño esperta, por fin, tras un tempo silenciado, adormecido, hibernado, en actitude de espera, en expectativa dunha nova narrativa. Un relato común que recolle experiencias individuais e intransferibles e moitas veces compartidas. Despois da nostalxia volve o presente, sucedendo ao presente vemos futuro, e no futuro esperamos encontros, proxectos e ilusións.

Ao camiño non o define o itinerario, tan só o delimita ou o facilita. Ao camiño o definen, inseparablemente, a meta e o camiñante. Os vellos camiños son novos cando o camiñante os anda por vez primeira. O camiño está, pero non é si alguén non o percorre. Como a experiencia vital é sempre propia, así o é tamén a andadura. Igual que ninguén acepta que a súa vida sexa vivida por outro, nin pode selo, cada quen ten que descubrir o seu camiño; aínda que o traxecto e o chan teñan moitos séculos e teñan sido pisados por moitos miles de persoas.

Moitos e moitas teñen sido os que, cos ollos do corazón, descubriron e descifraron o sentido e o valor dos camiños. Fixérono desde dentro, deixando espida a súa intimidade ou desde fora de si mesmos, contaxiados dunha alumeada sensibilidade. E podemos escoller un trazo, un rasgo, un pensamento, que expresa dimensións do infinito porque cada tramo superado ou perdido deixan pegada.

O camiño vital vai moito máis definido polos tempos que polos espazos. Os cambios nos horizontes de cada quen dependen máis do transcorrer que dos lugares; pero é neles onde están as luces e as sombras que favorecen e dificultan os avances. En ocasións faise difícil descubrir este percorrido persoal pola presión das homoxeneidades externas e por unha certa habituación ou adormecemento ante as conformidades internas.

O camiño de Santiago é un camiño feito, xa, desde o comezo. Aínda que parece que se asume que os camiños son feitos polo andar dos camiñantes, nunha sorte de reciprocidade, o andar fai tamén ao camiñante e a terra fai ao peregrino. Homes e mulleres fan o camiño cando o fan seu mentres o andan.

Conxunción de pobos, xermolo de culturas renovadas e renovadoras, confluencia de enerxía, referente de esperanza. Todo isto é Compostela como meta do camiño. Historia inédita escrito en cada vestixio, en cada intercambio, en cada encontro, en cada solpor, en cada amencer, en cada encrucillada, en cada emoción, en cada pensamento. Enciclopedia viva que se enche de páxinas seculares e que deixa en branco os presaxios que están por vir.

Santiago convértese en testemuña no tempo. Santiago abre e pecha, principio e fin, escenario perenne para recrear a vida, para sempre volver.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito