Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ULLO

Desfacerse das vellas servidumes é garantía de éxito

María Cadaval Sampedro / Profesora Economía Aplicada, USC / Directora Cátedra Iberoamericana

Odevir histórico do século SXX –que transcorreu impregnado de avatares bélicos, políticos e económicos, foi determinante para o establecemento dun estado de benestar que substituíu ao réxime asistencial e de providencia anterior. O impulso das políticas Keynesianas e redistributivas conviñeron transitar cara a unha sociedade mais xusta mediante o reparto dos recursos xerados polo capitalismo imperante. A década dos 80 foi decisiva para a súa consolidación, despois de que se avanzasen nos tratados de intercambio e Europa dese forma ao proxecto de construción da UE. Reforzouse a unidade, despois quebrada pola crise financeira e o Brexit, que se retoma agora tras o envite da Covid-19.

A pandemia contribuíu a dar un paso adiante nunha integración que da maior lexitimidade ao club europeo, aínda que está por ver como se sae desta. Non son tempos doados, mais os alicerces da recuperación económica non pode deixar aos tecnócratas converterse nos garantes da consecución das metas macroeconómicas e da consolidación fiscal.

O crecemento económico non pode ser sinónimo de cumprir os obxectivos, senón que debe estar acompañado dun reparto equitativo da renda e da riqueza, como parece que desta volta trata de facer a política económica europea. Conscientes de que o freo no cambio económico e no progreso social non está tanto na dificultade de desenvolver novas ideas, coma na capacidade para desfacerse das servidumes que esixen as vellas, vai sendo hora de comezar a soltar lastre. Desbotar con valentía os xeitos de facer e afrontar o desafío da dixitalización e a transición xusta cara a unha economía verde permitirá, con esta dobre forza, conformar un arco tan perfecto como o da Pórtico da Gloria, agora encaixado no magnífico resultado de rehabilitación da basílica compostelán.

Como recoñecemento, a Fundación Catedral de Santiago ven de recibir o premio Patrimonio 2021 pola “restauración e rehabilitación do conxunto histórico monumental”, que resalta a importante labor de recuperación desta xoia única do patrimonio mundial.

A fundación Catedral conseguiu, baixo a dirección de Daniel Lorenzo a difícil tarefa de sacarlle as cores á basílica, e desenvolver durante esta última década o maior proxecto de restauración integral nunca antes feito. Destaca a conservación e restauración do Pórtico da Gloria, mais non so. Daniel, inasequible ao desalento, petou en moitas portas nunha época difícil, un traballo acumulativo e construtivo para o que contou cun grande equipo de xente entre os que se distinguen o ex alcalde de Santiago, Xerardo Estévez e o historiador da USC, Xosé Manuel Villanueva, amais de apoios fundamentais coma o de Laura Corvilain na administración, ou de construtivas supervisións dende a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural coma a de Mari Carmen Martínez, entre outras.

Sería inxusto, porque temor a esquecer a alguén, seguir nomeando aos grandes profesionais de múltiples disciplinas e ámbitos administrativos, que durante estes anos traballaron arreo para que este 25 de xullo o templo volva a lucir no seu máximo esplendor.

Neste traballo, ao igual que no económico, foi difícil desfacerse de vellas servidumes, pero grazas a iso mais dun cento de estatuas de granito policromado talladas polo mestre Mateo volven brillar cando o sol de poñente se cola entre as vidreiras, antesala da nova iluminación que tenuemente acompaña no camiño ao renovado altar maior, ás capelas ou o ciborio. Unha labor que puxo a punto o templo para este peculiar Ano Santo bianual 2021-2022, pero sobre todo, que permitirá que sexa o noso legado durante moitos séculos máis. Feliz día de Galicia.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito