Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ULLO

O sector primario, unha aposta sólida para seguir medrando

María Gómez-Franqueira Otero / Vicepresidenta do Grupo Coren

Recibo con honor a invitación que un ano máis me fai El Correo Gallego, brindándome a oportunidade de sumarme a esta homenaxe á nosa terra nunha data tan especial para os que somos e levamos a Galicia no corazón.

Hoxe é o noso día grande, Día da Patria e Festividade do Apóstolo Santiago. Como cada 25 de xullo celebramos con xúbilo a nosa identidade galega. É unha data para felicitarnos por ser parte dun pobo xeneroso e acolledor, de xente traballadora e emprendedora. Terra festeira e feiticeira que dá abrigo aos galegos e acubilla a quen ven a gozala e descubrila. Porque Galicia, terra de peregrinaxe, leva a hospitalidade no seu interior.

Chega este 25 de xullo cun encanto especial por ser ano xacobeo, con miles de miradas apuntando cara a Santiago e miles de pasos camiñando cara Compostela. Pero é tamén un ano no que aínda estamos arrastrando as consecuencias dunha pandemia que irrompeu de súpeto nas nosas vidas e que deixou unha fonda pegada na sociedade. E aquí tamén temos que facer camiño, seguir dando pasos que nos leven cara a recuperación económica e unha ansiada volta á normalidade.

Tócanos traballar, con máis forza se cabe, por recuperarnos duns meses especialmente duros e complicados e seguir loitando por esa Galicia próspera e moderna que queremos construír para as xeracións vindeiras. Non é tarefa sinxela, pero temos ao noso favor a natureza loitadora da xente galega. A historia demóstranos que somos un país que mira cara adiante, que cre no seu futuro e que ten potencial dabondo para non caer no derrotismo aínda que os tempos non sexan os máis favorables.

O sector primario ten, sen dúbida, moito que aportar no desenvolvemento da nosa terra. En Coren sempre cremos no potencial do rural galego e, tras unha traxectoria de case 60 anos na actividade agroalimentaria, seguimos apostando por el, defendendo un modelo de produción sostible que traballe desde o máis absoluto respecto ao medio ambiente e ao benestar animal, piares básicos da política de responsabilidade social que impulsa a actividade da nosa cooperativa.

A situación xerada pola pandemia do Covid 19 veu a evidenciar o papel esencial da agroalimentación. En momentos tan complicados como os que nos tocou vivir, o sector foi quen de garantir o abastecemento do mercado e, tamén, de manter o pulso da economía. É un valor importante no tecido produtivo de calquera país e como tal debemos recoñecerlle o papel que ten e o que representa como actividade próspera e con futuro. E Galicia ofrécenos unhas condicións especialmente boas para a produción de alimentos da máxima calidade, polo que é unha aposta pola que merece a pena loitar, acompañando esta excelencia con investimentos en I+D+i e traballando por dar a coñecer as nosas empresas e os nosos produtos no exterior.

O potencial do sector primario en Galicia é inmenso e debemos ser os seus mellores embaixadores. En Coren estamos profundamente orgullosos dos nosos alimentos 100% galegos, que chegan a máis de 55 países de todo mundo. A nosa experiencia e as máis de 7.000 familias que forman parte do Grupo Coren son una mostra de que se pode vivir dignamente do campo... e para o campo, loitando contra o abandono dun medio que en Galicia ten moito que aportar dende hai séculos o no que, como sempre reivindico, as mulleres tiveron un papel relevante aínda que non sempre fose recoñecido.

O futuro da nosa terra pasa polo compromiso de cada uno de nós por acadar unha Galicia mellor e máis próspera. Porque somos un país de fondas tradicións, pero tamén aberto á innovación e os avances para medrar ante os retos que se lle presenten. Polo que somos e polo que estamos a construír... Feliz Día de Galicia!

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito