Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ULLO

Orquestrar

M. Elena Vázquez Cendón / Decana da Facultade de Matemáticas USC

Asemántica musical do título agardo que active nos seus maxíns música de todo tipo de orquestras: coas que empezaron a bailar, coas que aprenderon a escoitar instrumentos que o coñecemento fai soar, sen esquecer ás que amenizaron as romarías das nosas vilas en datas que conforman o acervo familiar... Sexa cal sexa a orquestra evocada, sempre é coral e plural. As orquestras integran a solistas pero, feita a integral, xa suman como colectivo musical.

As orquestras precisan da coordinación, de escoitar aos outros instrumentos e, nas sinfónicas, de seguir á batuta, a gran agulla que enfía a todos os instrumentos ao bater no aire. A acción necesaria para que soe o colectivo é orquestrar, que ten unha semántica tamén positiva fóra da música: “organizar ou dirixir [un plan, unha actividade] coordinando os seus elementos”, segundo o dicionario da RAG.

Se buscamos a semántica no dicionario da RAE, fai explícita a valoración pexorativa de organizar unha confabulación. A valoración de confabulación depende de que lado nos atopemos... Este suplemento pode ser visto como unha confabulación na que só escribimos mulleres, ou unha oportunidade de xuntar opinións de mulleres orquestradoras para celebrar o 25 de xullo, o nadal galego que temos na estación de verán.

Quero compartir que o título veu inspirado polas Matemáticas. Nomeadamente, polo XIV Foro de Interacción Matemática e Industria celebrado o pasado 4 de xuño dirixido pola batuta do Instituto Tecnolóxico en Matemática Industrial (ITMATI) e acubillado no CITIC. Neste foro, que leva orquestradas catorce edicións, saboreamos o saber do sabor da saúde e da tecnoloxía.

E foi neste contexto sen música no que soou o “orquestrador de execución”, pronunciado Aitor Biain Galdos da empresa ALMIS. É o elemento necesario para enfiar programas ou aplicacións diferentes que permiten construír a solución tecnolóxica, neste caso a un problema no contexto das matemáticas financeiras. Unha vez máis, as Matemáticas son unha disciplina orquestradora!

As persoas orquestradoras saben a importancia de sumar sabores e sons para conformar partituras con coñecementos plurais que sigan a batuta cando toca interpretar a obra. É necesario partillar tarefas e responsabilizar, a cada persoa da orquestra, do propio instrumento e de organizarse para “facendo mans” lograr que os sons individuais conformen a obra colectiva.

Orquestrar non é unha encomenda doada. No que coincidimos colectivamente é que conformamos unha sociedade de solistas, nas que cada un ou cada unha de nós tocamos pezas separadas. A diagnose global é que todas e todos precisamos prestar atención a onde nos toca intervir e cal é a peza que se está a tocar; podemos sumar o noso propio virtuosismo, pero para lograr unha intervención plural e coral.

Eu tiven a oportunidade de nacer á investigación matemática no equipo dun gran orquestrador, o profesor Alfredo Bermúdez de Castro, que iniciará o próximo curso como profesor emérito da USC. É un referente de saber construír partituras matemáticas que producen obras que resolven problemas en moitos contextos. A entrevista do 14 de xuño deste ano neste xornal evidencia como dirixe con coñecemento e sabe proxectar as Matemáticas nos fondos Next Generation. O noso orquestrador tamén se caracteriza, e isto é menos frecuente, por repartir batutas, agradecendo e tocando ao ritmo das batutas fillas, sen deixar de aportar tempo e coñecemento cando é solicitado. Grazas mestre Alfredo por orquestrar tantos cursos e proxectos!

Quero rematar pedindo neste 25 de xullo un aplauso para unha gran orquestra, a conformada por todas as persoas que fan soar a harmonía das vacinas, pola tranquilidade coa que todas e todos vibramos, agradecendo ata as reaccións. Para acadar a inmunidade colectiva, precisamos sumar un si comprometido coa saúde. Nesta orquestra, só poderemos aplaudir o final lembrando que non podemos deixar de tocar o instrumento da responsabilidade individual guiado pola batuta da ciencia.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito