Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ULLO

Os retos das mulleres galegas despois da Covid

Patricia Vilán Lorenzo / Avogada

Este mesmo mes, un ilustre columnista galego escribía nun xornal sobre o novo goberno do Estado. Máis en concreto, con relación ás novas ministras, identificaba mulleres e xuventude con “glamur”. Sobra explicar que o columnista en cuestión nin é muller nin é novo, mais tampouco semella coñecer da importancia das palabras nin do significado da visibilidade.

Resulta que a linguaxe e a visibilidade feminina son dúas pezas clave para loitar contra este mundo machista e excluínte no que aínda abondan infinitas reminiscencias “casposas”. Só é preciso manexar un par de datos e vivir o día a día antes e, sobre todo, despois da pandemia.

Porque, segundo datos do Ministerio de Traballo, no primeiro trimestre deste ano o 14,29% das persoas desempregadas en Galicia foron mulleres, fronte a un 11,80% de homes. A maiores, a medida que os expedientes de regulación de emprego se ían desacelerando, os traballadores homes -certo que máis afectados- incorporábanse pouco a pouco. O mesmo facían as mulleres, pero non pouco a pouco senón moito a moito: elas estiveran en ERTE 15 días máis de media que eles, o que significa que no traballo das mulleres houbo menos rotación. Desgrazadamente, non é algo novo.

O anterior demostra que, se a situación xa era desigual antes da Covid-19, as consecuencias da pandemia teñen resultado desastrosas para as mulleres: A fenda de xénero medra; as cotizacións non poden ser as mesmas para o futuro, nin para as prestacións de desemprego nin para a xubilación, e retroceden outros dez anos na incorporación ao mercado laboral. Unha vez máis, maior penalización laboral para as mulleres.

Ninguén se decatou de que o teletraballo ía prexudicar ás mulleres moito máis que aos homes? Ou é que non se sabía, xa antes da Covid-19, que as tarefas do fogar e dos coidados recaen, moi maioritariamente, nas mulleres? Tampouco que as conquistas laborais de corresponsabilidade -tales como os permisos de maternidade- sempre foron exercidos maioritariamente por mulleres? Tampouco que a forma de levar á práctica a tan cacarexada conciliación eran a renuncia profesional, a ausencia ao traballo ou a externalización das tarefas do fogar e dos coidados? Tampouco da escaseza de servizos públicos educativos e sociais aos que acudir cando non se teñen recursos económicos ao traballar menos horas porque teñen que “atender” os labores do rol de xénero imposto desde hai séculos? Tampouco que existe unha cousa que se chama feminización da pobreza -da que falara por vez primeira Diana Pearce xa en 1978- e da que escuros intereses desexan que nos esquezamos, a pesares que de que está claramente relacionada con esa dita falla de liberdade e de recursos para poder desenvolver as capacidades? Temo que non.

Pedir, pois, que se escriba sobre o reto que temos todos de construír unha corresponsabilidade na que as tarefas sexan asumidas de maneira equitativa e indistinta por mulleres e homes será unha utopía.

Pedir que se escriba sobre o reto de implantar a educación gratuita e universal de cero a tres anos será entón como acadar un soño inalcanzable. Porque hai un recente informe da UNED que di que tería un coste entre 5.500 e 7.500 millóns de euros e un beneficio na creación directa de emprego duns 4.000 millóns, ademais duns beneficios indirectos pola maior participación das mulleres entre 1.800 e 6.200 millóns de euros.

Pedirlle a ese ilustre columnista que elimine o “glamur” como estigma nas súas descricións das novas ministras e que incorpore á súa linguaxe as verbas visibilidade, equidade e feminismo para enfrontarse ao mundo na loita colectiva contra a desigualdade estrutural será entón como predicar no deserto.

Xa que logo, mulleres galegas, é tempo de nos enrolar a manta á testa e subir ao cabalo para recorrer a area e facer entender á sociedade con urxencia que os retos das mulleres en Galicia despois da pandemia non son nin tan sequera os mesmos que antes; son moito máis complexos.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito