Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ULLO

Resiliencia e xacobeo atípico en época de pandemia

Marisa Castro Cerceda / Profesora da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo

Este ano temos un Xacobeo bastante atípico, atípico coma foron os últimos 15 meses. Primeiro houbo que aprender a estar 24 horas por día confinados con persoas coas que habitualmente vivimos, ás veces desexosos de poder desfrutar dun pouco de intimidade e, especialmente, aprendendo a convivir con nós mesmos, cando non sempre é fácil. Tiña que vir un coronavirus para averigualo!

Resultou difícil asumir que, a pesar dos avances médicos no século XX e neste principio do XXI, non somos inmortais, e que nin o chamado «primeiro mundo» estaba preparado para combater a un microorganismo diminuto e cambiante, que mutaba cada pouco producindo cepas cada vez máis agresivas e virulentas.

Familiarizámonos con palabras que antes non eran habituais ou eran totalmente descoñecidas para a maioría da poboación: pandemia, coronavirus, epidemiólogo, desescalada ... Tivemos que aprender a teletraballar de forma responsable, a resolver problemas administrativos telematicamente, e quen sabe cantas cousas máis, que conduciron ao descubrimento dunha parte escura da vida. Escuridade que algúns pensábamos que nunca viría, e outros, os máis vellos, que nunca volvería.

Vimos como os nosos maiores, aqueles que sufriron a guerra e a posguerra, que tanto tiveron que loitar e sacrificar para que o país chegara ao nivel de benestar e liberdade no cal se atopaba cando isto comezou, estaban asustados e morrían solos, sen os seres queridos que puideran, como se acostuma a dicir, pecharlles os ollos. Non era posible despedilos, nin se lles podía agradecer o que fixeran polas xeracións máis novas, por todos nós. Terrible!

Non poder saír á rúa, camiñar libremente, sen contactar fisicamente con familiares e amigos... Unha situación que fixo pensar nunha guerra, onde as persoas teñen capacidade para facer algo, pero a situación é quen o impide. E, como nas guerras, houbo que vivir absurdas confrontacións políticas. Se era o goberno central o que ditaba normas, as comunidades autónomas querían ser elas as que xestionaran a pandemia, pero cando desbordaba a situación, eran as comunidades as que querían que fora o goberno central quen resolvera. Non había xeito de aclararse, e no medio os sanitarios desbordados e a poboación sufrindo a enfermidade e chorando os falecidos! Surrealista.

Moita desa incomprensión foi potenciada polos «negacionistas» do virus e da gravidade da virose, «incitadores» a que houbese un claro incumprimento das normas, co cal axudaban a que ese inferno nunca arrefriase. «Adultos» sen a máis mínima formación sobre microbioloxía e inmunoloxía opinaban como se de epidemiólogos se tratara, cando a única información que manexaban procedía de «fala baratos» e páxinas web oportunistas. E o peor, a prensa sensacionalista dáballes cancha.

Na súa maioría eran personaxes socialmente coñecidas no mundo político e na prensa amarela, polo que conseguían contaxiar, entre as masas desesperadas pola pandemia, esas ideas cientificamente insostibles. Non eran conscientes de que só creaban máis incerteza entre as persoas, incentivaban a crítica destrutiva e desestabilizaban a situación, especialmente entre a xente nova desexosa de vivir coma fixera sempre.

Fomos habituándonos a tantas cousas... Falta de autonomía e liberdade nas decisións e nas actuacións, máscaras dentro e fora dos edificios, reunións con poucas persoas e distanciadas entre si, falta de bicos e abrazos... Da medo pensar, neste punto de inflexión no que nos atopamos, se seremos capaces de recuperar con naturalidade todo aquelo que perdemos e haberá que esperar que todas as depresións que están xurdindo non cambien o carácter distendido e alegre das persoas do noso entorno... Confiar en que os gobernantes aproveiten estas circunstancias para recortar definitivamente as liberdades e as condicións laborais conseguidas ata agora. E que o Xacobeo poida recuperar o que foi nos últimos anos, un lugar de intercambio cultural, de reflexión e alegría.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito