Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MARÍA JESÚS GIRÁLDEZ FERNÁNDEZ // Decana da Facultade de Óptica e Optometría da USC

A ‘visión’ dos galegos e galegas

HOXE É O DÍA GRANDE DE GALICIA; un día no que celebramos o feito de ser galegos e galegas, cun sentimento de orgullo de pertencer a unha terra e de formar parte dunha

comunidade coma a nosa. Un día non só para celebrar, senón tamén para reflexionar sobre o pasado e o presente, unha reflexión que nos leve a avanzar cara un futuro cada vez mellor. Un día de celebración, este 25 de xullo de 2020, nun ano especialmente complicado por mor do coronavirus; no que o sentir da sociedade se centra de xeito moi especial en dous aspectos: o da saúde en primeiro lugar, e o económico en segundo lugar.

E é no ámbito da saúde onde somos conscientes da importancia da prevención; da importancia de formar parte dunha sociedade na que a atención primaria permita e leve a unha diagnose temperá da enfermidade. Unha sociedade cuxos recursos destinados á formación dos seus profesionais sanitarios lle sexan devoltos a través dunha atención sanitaria de calidade e sostible, para o que é imprescindible a atención primaria.

Precisamente, no ámbito da atención primaria sitúase a actuación dos ópticos optometristas, cuxo exercicio profesional está regulado pola Ley 44/2003, de 21 de Noviembre, de ordenación de las profesiones sanitarias (LOPS), e ten unha tripla vertente: a de previr, detectar e solucionar problemas visuais.

A participación dos ópticos optometristas no coidado da saúde visual primaria da poboación é fundamental para un correcto funcionamento do sistema sanitario e así evitar os enormes custes sociais e económicos que doutra maneira se producirían; a eficiencia só se consegue cunha atención primaria en visión dentro do Sistema Nacional de Saúde.

E esta atención visual e prevención en visión é imprescindible e asemade un dereito para toda a poboación. Na nosa comunidade, a segunda mais envellecida de España, no ano 2019 e segundo datos do INE, 1.701.008 galegos eran maiores de 40 anos, cunha media de idade de 47,2 anos. Trátase dun número moi elevado de persoas nunha idade na que os problemas visuais son cada vez máis frecuentes, e para os que o papel do/da óptico/a optometrista é fundamental, para una prevención e promoción da saúde que permita un envellecemento activo e saudable. Tamén é fundamental o papel do/da óptico/a optometrista no diagnóstico optométrico inicial dos defectos de refracción. Os estudos indican que os defectos de refracción afectan ao 20% dos nenos e nenas en idade preescolar e escolar, e que só 3 de cada 10 nenos e nenas de menos de 7 anos acudiron algunha vez para un exame visual. Isto, e o feito de que moitos casos poden pasar desapercibidos para persoas da contorna, xustifica a importancia das revisións visuais ao longo do período escolar, o que nos permitirá mellorar a visión e, en definitiva, a vida e pode que o futuro dos/as nenos/as. Con frecuencia pais e nais descoñecen a importancia, consecuencia e existencia de anomalías visuais máis alá do feito de se o/a neno/a di ver ben ou mal. Existen problemas, por exemplo, da visión binocular, que se ben non teñen porque manifestar signos, si que poden xerar síntomas que afecten ao rendemento académico.

Así pois, nun día coma o de hoxe, tomemos conciencia da importancia do coidado da saúde visual; do papel dos/das ópticos/as optometristas de cara a unha maior equidade no sistema sanitario galego e promoción da saúde. O coronavirus puxo en evidencia a importancia da atención primaria para que o sistema sanitario sexa viable e sostible, e no que á atención visual se refire, a eficiencia só se logra cunha atención primaria en visión dentro do Sistema Nacional de Saúde. É un dereito.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito