Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
PATRICIA VILÁN LORENZO // Avogada

20

HAI TEMPO QUE O PENSO EN VOZ BAIXA. Pasado o confinamento obrigatorio pola COVID-19 e tendo moi presentes as súas consecuencias, gostaríame que este artigo servise para lle dar voz alta ao meu pensamento, que non é outro que a conciliación era un engano.

Busquei e recorrín aos datos dunha enquisa feita por unha asociación a máis de 5.000 persoas: Antes do confinamento, a taxa de ocupación era 9 puntos porcentuais maior entre os homes; despois, as taxas baixaron ao 67% para os homes e ao 62% para as mulleres, pero a diferenza seguía a existir. Antes do confinamento, repartíanse os proxenitores as actividades de ocio con fillas e fillos e, en menor medida, tamén a compra, mentres que os labores dentro da casa e as actividades educativas recaían moi maioritariamente nas mulleres; durante o confinamento, no 38% dos casos enquisados, os homes pasaron a ser os principais responsables da compra -unha ocupación fóra da casa- e as mulleres seguiron a ser maioritarias nos labores dentro do fogar, incluso nas familias nas que os dous proxenitores seguían a traballar.

E que dicir do “experimento” do teletraballo! Cantas mulleres traballando dende a casa, con fillas e fillas no mesmo espazo estudando ou xogando e encargándose das tarefas do fogar tal e como acabo de relatar! Non hai que ser unha “fenómena” para ver que esa nova normalidade (laboral e familiar) que nos agarda vai traer ter moitas máis dificultades para as mulleres. E se antes a conciliación era un engano -porque as medidas de conciliación son utilizadas maioritariamente polas mulleres e acaban reproducindo os roles de xénero-, de nada vai servir perpetuar un modelo inxusto que non soubo primar a autonomía e o dereito das mulleres a decidir o seu proxecto de vida.

Porque a mal chamada conciliación non é unha cuestión de nais ou de mulleres, é unha cuestión de persoas. De persoas que teñen dereito a equilibrar o uso do seu tempo como elixan, sobre todo o tempo do traballo, que é o que nos realiza como seres humanos libres e no que non se nos pode penalizar polo feito de ser mulleres. Cómpren medidas inmediatas que garantan a igualdade de oportunidades no espazo do emprego e fagan que se provoque un cambio cultural para o reparto nas tarefas domésticas.

No VIII congreso da “Unión Xeral de Traballadores” de maio de 1905, Virginia González, unha obreira do sector do calzado de Bilbao, esixía a modificación da lei do Traballo de Mulleres e Nenos de 1900 en relación coas melloras do emprego das obreiras durante o embarazo, pois proliferaban as enfermidades xinecológicas, os abortos e os partos prematuros e era alta a mortalidade infantil. A súa reivindicación provocou unha reforma da lei e esa gran reforma social alterou as bases sobre as que se constituía a familia obreira, entendéndose que a cuestión social tiña a súa orixe, sobre todo, na organización da vida privada e familiar dos traballadores.

Se a comezos do século XX foi posible que a cuestión social se convertese nunha cuestión de xénero, máis de 100 anos despois e nunha nova sociedade que tivo que pasar unha pandemia para ser consciente de que a conciliación non trouxo máis igualdade, non poden existir barreiras para comezar a traballar xa na corresponsabilidade.

Debemos rachar co modelo patriarcal de familia. E o camiño non é outro que a corresponsabilidade de mulleres e homes no coidado e nos labores familiares, desmontando esa idea -e revertendo eses datos dos que falaba ao principio- de que os homes son os principais sustentadores económicos e as mulleres as principais responsables do mantemento da familia dentro do fogar. Poñámonos canto antes mans á obra; estamos a perder un tempo precioso.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito