Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
CARMEN JOSÉ LÓPEZ // Avogada

20

NON NECESITÁBAMOS QUE UN VIRUS CON NOME REAL nos lembrase que vivimos no mellor das paraxes posibles, pero o certo é que por se alguén o dubidaba isto se fixo aínda máis evidente. Este agarimoso país que nos permite saltar das montañas ao mar sen saír dos nosos lindes. Que nos agasalla cos mil ríos de Cunqueiro, un océano e un mar. Que nos fai sentir conquistadores nos cumes dos Ancares e personaxes de lenda nas fragas do Courel.

Esta patria xenerosa que nos esperta en amenceres con sintonías de paxaros cantarines e nos arrola en solpores con recendo de mimosas. Sabiámolo, igual que o sabía Rosalía cada vez que concibía a golpe de verso a súa particular homenaxe ou Castelao cando deixaba para a posteridade un “sempre en Galiza”, acaso alguén non escollería unha terra así para ficar.... Sabíano ben todos aqueles emigrantes que mesmo acuñaron un termo específico para nomear a saudade e o eterno anhelo de voltar, nunca un concepto foi tan difícil de traducir coma ese e, ao mesmo tempo, tan sinxelo de comprender por quen algunha vez se viu lonxe.

A mesma terra que namorou ao mitolóxico Xúpiter e acendeu os ciúmes de Xuno nas profundidades da Ribeira Sacra, as mesmas que Xacios e Xacias escolleron para facerse eternos, aquí, no Miño, en torno ao que dous países se dividen e se converten á vez en irmáns.

Non foron poucas as veces que me teño plantexado o porqué de que tantos pobos e culturas elixisen asentarse na que agora é a nosa casa, non é unha terra sinxela, alberga incluso a fin da terra e recibe, non poucas veces, a furia oceánica, sabémolo, pero a pesar diso converteuse en fogar para moitos deles, a cambio todos quixeron deixar un anaco das súas formas de facer.

A nosa xeografía, salpicada de castros, termas e castelos, de murallas, capela e grandes mosteiros gardounos e gárdanos na era das grandes urbes, xusto cando o destino quixo amosarnos que nada era como pensábamos.

De súpeto o mundo muda de paradigma, e o éxodo interrexional muda tamén de destino para converter fraqueza en oportunidade. Nese momento no que se revela que non era tan importante onde estar se non simplemente estar e a mal chamada periferia reclama o seu lugar nun modelo a repensar.

Neste escenario Galicia revélase como o que sempre foi, un paraíso no que vivir e dende o que traballar, si, nós xa o sabíamos cada vez que alguén nos preguntaba como era vivir lonxe de todo, porque nós xa sabíamos que, en realidade, vivíamos preto de todo, de todo o que queríamos para “benvivir”. Por iso nese momento crucial en que un pensa onde está o seu futuro moitos non dubidamos en sinalar cara a esta esquina engurrada do mapa.

Sabíamos que en realidade non era casualidade, nunca o foi, que Galicia namorase a todo aquel pobo que recalase nas súas terras, tampouco o foi que, dalgunha forma, o patrón de Santiago marcase ese camiño de estrelas ata aquí, ata o corazón de Galicia para volvela para sempre universal, para facela destino e camiño.

Hoxe, no día grande, nesta terra grande, penso en Rosalía, en Castelao e en tantos e tantos outros que sempre tiveron claro que a verdadeira ledicia consistía en non perder o norte. Hoxe, aquí, sentíndome afortunada e agradecida, no día grande desta terra inmensa.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito