Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MARÍA OFIR ABOY GARCÍA // Secretaria de Administración Local

20

ESTE 25 DE XULLO DE 2020 ven acompañado dunha negra sombra que nos asombrou a todos, e aínda que debido á crise sanitaria provocada pola COVID 19 non poidamos facer a festa que desexaramos con todos os fastos que se merece nesta data tan importante para os que sentimos esta terra singular como nosa, a única e a mellor, non podemos deixar de facer fincapé no significado tan profundo que ten poder seguir celebrando outro ano máis o día grande de Galicia.

Quizais sexa necesario que todas e todos recapacitemos a soas, e lembremos sempre este ano da pandemia para que así poidamos enfeitizar nos valores que herdamos dos nosos maiores, e concluír que non só debemos senón que merecemos sentírmonos orgullosos deste marabilloso pobo galego, que en momentos difíciles como os que por desgraza nos tocou vivir se ergue con solidariedade, pensa en como saír e non se quebra polo medo ou a desesperanza (xa o demostrou co Prestige e co Alvia). Lembrar como somos quen de levantar o voo aínda sen ás, para atopar unha saída onde semella non habela e trasladar aos que o necesiten as forzas e os alentos que sexan necesarios para que volvan saborear, cando finalmente se poida (malo será), as delicias da terra, do mar, dos montes, ou dos rios que nos viron nacer, e admirar e gozar a vida que nos tocou vivir, mentres soa unha gaita, aínda que chova.

Xa o dixo Castelao: “O home que dubida e teme no intre de realizar o ideal que predicou e non ten coraxe para manterse no seu posto de perigo, ou e un farsante ou é un coitadiño”.

Nin farsantes nin coitadiños somos os galegos e galegas, máis ben o contrario. Estamos tocados dende o berce cunha variña máxica que nos fai invencibles, por iso somo fillos dos trasnos e das meigas, e nin o acontecemento máis terrible, foino o Coronavirus, nos aparta do esencial; sentir a unión do noso pobo ante a fatalidade, e encomendados con liturxia ancestral aderezada con pócima embruxada, en comuñón, con esa fereza que nos dá unha parte do noso sangue galego, aquela á que non lle quedou outra que emigrar, aquela que despois de toda unha vida fóra puido volver, e coa rabia que nos provocou sentir o desprezo provocado polos anos escuros, nos que a nosa lingua nai nos foi inxustamente arrebatada, somos capaces unha e outra vez de saír de novo ao campo de batalla e loitar.

Sen dubidar salvamos vidas; aí están os nosos sanitarios, bombeiros, protección civil, corpos de seguridade. Sen dubidar abastecemos á poboación: aí están todos os que fixeron servizos esenciais e permitiron que non lle faltara nada a ninguén. Sen dubidar atendendemos as demandas urxentes: aí están os traballadores sociais, os psicólogos, todos e cada un dos empregados públicos que traballaron arreo, tamén os políticos, os bos e xenerosos... non me quero esquecer de ninguén. Sen dubidar collemos folgos e avanzamos para facerlles fronte aos perigos.

Hoxe é o Día de Galicia e de todos e cada un dos galegos e galegas que loitaron unidos para que saíramos, como de tantas outras que xa levamos ao lombo, desta profunda escuridade. Apartando sempre as negras sombras ao paso firme da unidade, e iluminando con sorrisos aos camiñantes fartos de chorar. Os meus parabéns a todos e a todas e o meu agradecemento eterno. Xuntos somos máis fortes, non o esqueceremos. Viva Galicia, viva a nosa xente, hoxe, mañá e sempre!

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito