Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
M. ELENA VÁZQUEZ CENDÓN // Decana da Facultade de Matemáticas da USC

Remocicar

TIVEN A FORTUNA de escoitar o brillante discurso de Eduarda González, compañeira admirada da Facultade de Matemáticas, cando recibiu a Insignia Fonseca. Sementou, para os que non somos da súa querida Fonsagrada, a palabra que hoxe agroma como título.

Se vostedes xa buscaron o significado atoparían que vive en dúas linguas irmás, a lingua asturiana e a galega. Apela a poñer a forza da xuventude para renovar plantas, persoas, edificios e, seguindo a tese de Edi, que a aplicou a nosa querida USC, colectivos.

Remocicamos a veciñanza, coñecemos e xeramos vínculos coas persoas coas que descubrimos que compartimos rúas e barrios. Grazas a Pequi e familia por trocar unhas gustosas lentellas por bolboretas!

Aplaudimos para recoñecer a valía das persoas que forneceron as redes da saúde, da limpeza, do transporte, da alimentación e dos coidados pero, honestamente, precisabámolo tamén para socializar e facer soar as nosas mans. A miña homenaxe e gratitude a veciñanza da rúa Astorga coa que compartín este desexo nunha gustosa e iluminada sardiñada na noite de San Xoán, na que celebramos o encontro no século XXI, grazas tamén a Suso e Isabel.

A Covid-19 logrou parar o mundo non polo seu tamaño, senón pola súa capacidade de propagarse. Temos que aprender da pandemia, evidenciounos que a nosa conexión non é virtual, é real. Podemos empregar o virtual para comunicarnos, para traballar e para manter vínculos. Pero a propagación presencial dos afectos non é substituíble, aínda que prescindísemos dela para romperlle a rede a pandemia.

Non podemos aplicar o titular ás persoas que nos deixaron durante o confinamento, pero para poder remocicar colectivamente, as que hoxe vivimos temos que acompañar ás familias que tiveron os duelos pendentes. Os abrazos nas despedidas son tan valiosos como nos encontros. Seguro que sempre lembraremos os primeiros bicos e as primeiras apertas desconfinadas!

Están a darnos unha gran lección de remocicar as persoas que traballan como autónomos e as empresas que tiveron que pechar sen deixar de gastar, e as que volveron abrir están a facelo xestionando incertezas. Se podemos, temos que investir na súa activación, estes son os aplausos que hoxe se precisan, feitos!

O reto de remocicar pode ser o fío de Ariadna que nos permita saír do labirinto vital polo que temos que transitar individual e colectivamente. O minotauro de hoxe é a incerteza. Temos que vivir entre escenarios no que as actrices e os actores somos nós, e nos que os libretos poden estar mellor ou peor escritos, pero as interpretacións non son funcións ás que accedemos cunha entrada. A esas agardo poder asistir pronto! Temos que superar ao minotauro coa aprendizaxe diaria, xestionando ansiedades e sabendo que os labirintos celtas sempre teñen saída, aínda que teñamos a sensación de estar dando voltas sen avanzar. Temos que cultivar a paciencia para atopar a saída na que nos recoñezamos remocicados!

Grazas a Feli pola reflexión pausada sobre o labirinto en Aenea, onde os libros propician encontros, e sempre á saída remocicaches!

Quero desexar egoistamente remocicar os folgos e as enerxías académicas. Aprender, a palabra clave que move do mundo académico, activouse coma nunca e con todos os grupos de interese, movendo moitos círculos de confort. E segundo imos superando novos chanzos, aparecen outros, estamos no labirinto educativo. Hoxe o fío de Ariadna que desexaría tecer para toda a comunidade educativa, á que tanto lle debo, é o do descanso merecido e dígoo desde o orgullo dos equipos aos que pertenzo e doutros moitos aos que coñezo. En todos vin traballar a moitas persoas ás que admiro remocicando moitas veces!

Si, o reto e o meu desexo para o 25 de xullo do 2020 é remocicar. Mirarnos ao espello, recoñecer a nosa faciana valorando as propias engurras, e rebrotando por dentro. Remocicar, aprendendo a sorrir coa mirada. As máscaras protéxenos colectivamente, pero que non nós resten identidade, remociquemos as miradas!

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito