Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CARMELA SILVA REGO // Presidenta da Deputación de Pontevedra

20

GALICIA É UNHA TERRA ÚNICA, chea de historia e acolledora na que o mar e a montaña forman unha paisaxe irrepetible. Un lugar de lendas e tradicións ao tempo que moderno, puxante e de talento innovador, cunha riqueza que non podería entenderse sen ningunha das súas vilas e provincias: todas coa súa identidade, todas parte da mesma cultura, cunha lingua e un legado común do que nos sentimos orgullosas e orgullosos como pobo.

Temos un tesouro que ensinarlle ao mundo e a provincia de Pontevedra está a xogar un papel protagonista nese camiño. O turismo é vital para nós. As Rías Baixas constitúen un destino de referencia consolidado pola súa beleza, patrimonio e gastronomía, e tamén polo esmero das produtoras e produtores no coidado da materia prima e a calidade da atención que presta o sector turístico, cada vez máis competitivo e adaptado ás novas tendencias e demandas das viaxeiras e viaxeiros. Un sector estratéxico, pois supón o 11% do PIB do territorio, e co que nos volcamos ao máximo neste difícil escenario que trouxo consigo a crise da Covid-19. O turismo é un motor da nosa provincia e a súa reactivación resulta determinante. Desde a Deputación de Pontevedra xa estamos a poñer todos os medios na nosa man para contribuír a este obxectivo. Entre todas e todos superaremos o reto, do que sairemos más fortes e con novos recursos.

O destino Rías Baixas - Pontevedra Provincia conta con grandes atractivos neste contexto, e tamén afronta apaixonantes desafíos que desde a Deputación de Pontevedra estamos a encarar con decisión e ilusión. O turismo de natureza, non masificado, pasou a ter unha grande demanda, e este territorio pode presumir, tanto na costa como no interior, dunha riqueza natural e unha beleza incomparables. A seguridade sanitaria, por suposto, converteuse nun factor fundamental, como tamén a competitividade e a dixitalización, para facilitar a información, reservas e servizos as e os visitantes nestes tempos nos que calquera viaxe planifícase desde o smartphone.

Na nosa provincia hai unha materia prima excelente en todos os sentidos. Bosques senlleiros, praias idílicas de bandeira, un parque nacional marítimo-terrestre, cinco rutas xacobeas oficiais, castros emblemáticos, os castelos de Soutomaior e Sobroso, cinco restaurantes con Estrela Michelín, a Denominación de Orixe Rías Baixas ... Iso só por citar algúns dos nosos grandes atractivos. Somos moito máis que sol e praia. Somos un destino para vivir experiencias todo o ano, con sol ou con chuvia, por iso na nosa última campaña dicímoslle a todo o mundo, de maneira directa e sinxela: Ven a As Rías Baixas, ven a Pontevedra Provincia.

Os mercados nacionais e do norte de Portugal son prioritarios para nós e aí centraremos o foco da nosa promoción. Queremos levar a todas as cidades o noso destino e modelo sostible, mostrar o tesouro que nos regalou a natureza. Imos da man do sector privado e das produtoras e produtores, que constitúen o motor e a cara da nosa proxección exterior. Están en primeira liña e fan un gran esforzo por mellorar cada día, afrontando as incertezas e o fortísimo impacto da crise. A Deputación de Pontevedra está ao seu carón e xa temos en marcha un plan de choque dotado con 3,5 millóns para a reactivación turística a través de mecanismos de financiación, medidas de seguridade, apoio á dixitalización, novos produtos, e promoción do destino. Avanzamos con paso firme na aposta tecnolóxica dentro da Rede de Destinos Intelixentes, e o novo Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023, no que xa estamos a traballar, vai posicionarnos como unha referencia entre os destinos sostibles, seguros e de calidade.

A provincia de Pontevedra e as Rías Baixas condensan o mellor de Galicia. Vivimos nun pequeno paraíso bendecido pola natureza e, na era da tecnoloxía e as redes sociais, mostrarémolo ata no último recanto. Os mimbres están postos. Celebrémolo o Día de Galicia... e o resto do ano.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito